Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
A premiada Eva Dafonte

A ourensá Eva Dafonte, Premio Ada Byron 2015

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 24/04/15 (09:13)

Coincidindo co Día Internacional das Rapazas e as TIC, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, deu a coñecer o nome da premiada co galardón Ada Byron, que na presente edición recaeu en Eva Dafonte Pérez (Ourense, 1979). O máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos fixo pública a decisión (precisamente) no evento organizado polo CESGA con motivo do Día Internacional das Rapazas e as TIC.

Eva Dafonte, enxeñeira superior en Informática, é na actualidade administradora de bases de datos Oracle na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, Suíza; experta en replicación de bases de datos usando Oracle Streams e responsábel do proxecto para a distribución e replicación de bases de datos na rede de computación de LHC (Gran Colisionador de Hadróns). Tamén é membro do Centro de Competencia de Bases de Datos do Programa CERN-openlab.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, visualizar participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes dun sector punteiro. En opinión do colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.

Lembrar que Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora da historia. Deduciu e preveu a capacidade dos computadores para ir alén dos simples cálculos numéricos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal