Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de D3Mobile

As iniciativas galegas D3Mobile e Todocosmos, recoñecidas como exemplos de prácticas innovadoras

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/04/15 (10:19)

As iniciativas galegas Todocosmos e D3Mobile, dirixidas ámbalas dúas a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas (respectivamente), veñen de ser recoñecidas a nivel estatal como “exemplos de innovación”. Así nolo deu a coñecer a Universidade de Santiago, de onde abrollan Todocosmos e 3DMobile, que engade que o recoñecemento veu da FECYT e que consistiu na súa inclusión no catálogo de Prácticas Inspiradoras en Cultura Científica para a Convocatoria de proxectos 2015. O catálogo, que nesta edición salienta outros 16 proxectos (financiados pola fundación FECYT), ten o obxectivo de pór en valor iniciativas que teñan potencial para abrir portas a novos investigadores e, por suposto, a investigadores novos.

Como lembraremos, Todocosmos vén da man Observatorio Astronómico Ramón María Aller que –en colaboración cos concellos de Ames, Lalín, Noia, Padrón, Ordes, Oroso, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo, Teo e Vedra– tenta achegar o mundo da astronomía á sociedade mediante observacións públicas en múltiples emprazamentos, charlas en centros educativos e parroquias, visitas guiadas no Observatorio e a elaboración de materiais didácticos. A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnolóxica destaca de Todocosmos o formato da proposta, flexible e con capacidade para adaptarse a múltiples escenarios (diferentes concellos, observatorios, colexios).

Polo que se refire a D3Mobile Metrology World League, vén da man do grupo de investigación USCAN3D do Campus de Lugo e trátase dun campionato de experimentación científica baseado no modelado 3D de precisión con teléfono móbil. Realizado por equipos reducidos de estudantes axudados polo seu profesor/a, lévase a cabo en obradoiros presenciais na aula, grazas aos contidos da web de seu e ao asesoramento en liña da organización. Segundo explican os organizadores do certame, “o alumnado, en só dúas tardes de estudo, aprende en primeiro lugar a realizar modelos 3D a escala de obxectos sinxelos empregando un software libre de fotogrametría en liña de última xeración que traballa na nube e un instrumental co que todos están moi familiarizados, o seu teléfono móbil”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal