A Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia inauguraron este martes unha nova entrega do Programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, unha iniciativa de aceleración que se impartirá de balde no Centro de Emprendemento do Gaiás ata o 29 de maio. O obxectivo, fíxose saber, é tentar satisfacer a crecente demanda deste tipo de pequenas empresas culturais cun enfoque “altamente creativo” e novos modelos de financiamento e xestión. No programa participarán un máximo de 25 proxectos.
A Cámara de Comercio e a Cidade da Cultura salientaron que os alumnos participantes poderán desenvolver proxectos de emprendemento relacionados coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e mesmo as actividades vinculadas ás novas tecnoloxías e ao deseño. “Os alumnos recibirán nocións para desenvolver un plan de empresa e contidos sobre administración da empresa cultural, mercadotecnia e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas”, explicaron.
Os titores asesorarán de forma individualizada a cada un dos participantes, ofrecéndolles os instrumentos empresarias precisos para deseñar e dirixir os seus proxectos culturais, fomentando o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de lecer creativo: cinema de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos.
Rexístrate como: