Un equipo científico do Hospital Xeral de Massachussets (EE UU) desenvolveu un dispositivo que pode ser axustado a un smartphone convencional e converterse nunha ferramenta de diagnóstico de tumores. Os autores do estudo aseguran que este dispositivo, grazas á súa rapidez e baixo custo, 'podería ser usado en zonas de escasos recursos sanitarios'.
Os autores explican nun estudo, publicado no último número da revista PNAS, que este dispositivo, denominado D3 (diagnóstico de difracción dixital), conta cun módulo de imaxe cunha luz LED axustado a un teléfono intelixente que rexistra fotografías de alta resolución grazas á súa cámara.
O seu campo de visión é superior ao do microscopio tradicional e nunha soa imaxe pode recoller datos de máis de 100.000 células do sangue ou dun tecido.
Estes datos son enviados a través dun servizo seguro de encriptado na nube a un servidor de procesamiento gráfico, onde son analizados. Despois, os resultados son rapidamente transmitidos ao D3, explican os investigadores.
Para realizar a análise molecular de tumores unha mostra de sangue é marcada con partículas moi pequenas 'de diferente tamaño e composición' adheridas á zona da posible enfermidade. Unha vez que a imaxe é rexistrada, pódese determinar a presenza de moléculas nocivas analizando os diferentes patróns de difracción seguidos por estas mini partículas, engaden estas fontes.
O algoritmo desenvolvido polos investigadores permite distinguir as células das partículas e analizar até 10 MB de datos en menos de nove centésimas de segundo.
Mesma eficacia que o sistema tradicional
Este dispositivo foi probado nun ensaio piloto no que se analizaron as mostras de biopsia de cérvix de 25 mulleres que presentaran resultados anormais na proba de Papanicolau (utilizada para detectar o cancro cervicouterino). A análise D3 dividiu rapidamente estas mostras entre aquelas con alto risco, baixo risco ou benignos. Os resultados coincidiron cos da análise patolóxica tradicional.
Tamén se utilizou este dispositivo para a análise de mostras de linfa tomadas con agulla fina, podendo diferenciar entre aquelas con linfoma das que só presentaban un aumento do ganglio linfático. Ademais da análise de proteínas, o sistema foi mellorado para poder detectar virus do papiloma humano no ADN.
Segundo César Castro, un recoñecido oncólogo que participou na investigación, este aparello responde á 'necesidade dun diagnóstico rápido utilizando tecnoloxía móbil que poida ser utilizado nas zonas máis desfavorecidas'.
Co dispositivo, o custo actual da análise de cada mostra é de tan só 1,7 euros, un prezo que se espera poder diminuír a medida que se mellore o sistema.
Pola súa banda Hakho Lee, coautor do estudo, asegura que o equipo 'continuará desenvolvendo esta tecnoloxía investigando a posibilidade de utilizar o D3 na análise de proteínas e marcadores de ADN doutros catalizadores de enfermidades. Tamén integrarán o software en bases de datos máis amplas, e efectuarán estudos clínicos en lugares cunha asistencia sanitaria precaria e en contornas rurais.
Rexístrate como: