Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoa con movilidade reducida usando o dispositivo

Accessibility Scan, unha solución tecnolóxica para persoas con movilidade reducida

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/04/15 (08:51)

O fabricante español de dispositivos móbiles BQ, en colaboración coa empresa de tecnoloxías asistidas, Limbika, desenvolveron un novo dispositivo multimedia destinado a persoas con mobilidade reducida. Trátase de 'Accessibility Scan' unha solución composta por unha aplicación e un periférico que facilita a interacción das persoas con limitacións severas de movemento, a través dos seus tablets Android.

O seu uso é relativamente sinxelo, basta con colocar o dispositivo sobre un soporte -xa sexa unha cama, mesa ou cadeira de rodas- e conectalo a un periférico situado preto da parte do corpo con maior mobilidade do usuario. Nese momento actívase a aplicación, e mediante o uso das pulsacións, o usuario poderá navegar por internet sen limitacións.

Grazas ao deseño de Accessibility Scan, poderase superar unha das principais barreiras deste colectivo para o uso de tecnoloxías e dispositivos móbiles, que vén ser tocar a pantalla coa man. Desta forma, e unha vez activada a ferramenta, a interacción co dispositivo producirase a través dun sinxelo sistema de varridos: un eixo descende pola pantalla ata que o usuario o para pulsando o periférico.

Acto seguido, un segundo eixo con forma circular desprázase horizontalmente ata que o usuario o detén. Así selecciónase o punto de intersección entre ambas as coordenadas. Con este sistema de varrido, as persoas con distintos tipos de limitacións poderán interactuar co dispositivo, navegar pola rede, reproducir todo tipo de contidos, e mesmo xogar.

E é que o obxectivo que perseguen as dúas compañías é 'normalizar o consumo da tecnoloxía e que o acceso a esta facilite a vida das persoas con diversidade funcional'. Ou polo menos así o manifestou Jorge García, coordinador de Desenvolvemento de Limbika, quen ademais se mostrou orgulloso de poder colaborar cun dos principais fabricantes de tecnoloxía móbil do noso país.

Nesta colaboración, BQ ofreceu o seu coñecemento no desenvolvemento de dispositivos multimedia, mentres que Limbika achegou a súa experiencia previa no desenvolvemento de tecnoloxías asistidas. Así se lanzou a solución Accessibility Scan, que xa foi incluída nos dispositivos de BQ como unha opción máis de accesibilidade no mercado.

Con este proxecto, as dúas entidades españolas pretenderon romper as limitacións de acceso á tecnoloxía que sofre este tipo de colectivos, a través de novos dispositivos tecnolóxicos que, aos poucos están a cambiar a forma en como se concibe a mobilidade reducida en España.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal