Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación Sainet e Argos

A UCLM desenvolve dúas innovadoras aplicacións para persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 13/04/15 (09:07)

A Universidade de Castela-A Mancha (UCLM) presentou en Cidade Real dúas novas solucións, Sainet e Argos, desenvolvidas no marco da Cátedra Indra-Fundación Adecco de Investigación en Tecnoloxías Accesibles, que teñen o obxectivo de facilitar a integración social e laboral das persoas con discapacidade a través da tecnoloxía. O director da Cátedra, Juan Carlos López; o coordinador de Fundación Adecco, Héctor Clemente; a responsable de Acción Social de Indra, Alicia Fernández del Viso, e o director do Software Lab de Indra en Cidade Real, Carlos Alger, participaron na presentación.

O proxecto Sainet desenvolveu unha aplicación de procesamento de imaxe a través do móbil que proporciona á persoa invidente información auditiva sobre o número de persoas presentes fronte a ele, a posición destas (ángulo e distancia estimada) e os grupos que se forman. Segundo diferentes estudos, estes datos son claves para a interacción das persoas con problemas de visión na contorna laboral, xa que ofrecen parte da información que se comunica entre persoas con visión normal, que nun 65 % procede do contacto visual e outras 'pistas' non verbais.

O invidente dispón con Sainet dunha solución portable e non invasiva que facilita a súa relación na contorna laboral e que, ademais, está preparada para incorporar futuras melloras, como a detección de estados emocionais, 'reidentificación' de persoas rexistradas, detección automática de textos ou detección de obstáculos. Para a toma de requisitos e a validación da solución contouse coa colaboración dun alumno invidente da UCLM.

Pola súa banda, o proxecto Argos baséase na utilización de técnicas de visión por computador e realidade aumentada para ofrecer un sistema de axuda á xestión documental dirixido a persoas con discapacidade intelectual, visual ou auditiva. O sistema identifica, mediante unha cámara, o documento co que está a traballar o usuario e proporciona mediante un pequeno proxector información visual sobre o mesmo. Mediante esta proxección o usuario pode interactuar co sistema, que lle vai guiando polos distintos procedementos que debe seguir para completar unha tarefa, ben a través de novas proxeccións ou ben a través dunha locución.

Por exemplo, no caso das persoas con discapacidade intelectual, o sistema pode guiar ao usuario sobre os pasos que ten que realizar para tramitar un documento (xestionar unha solicitude ou enviar o documento a un determinado departamento) ou para realizar unha tarefa descrita nunha folla de papel. Para iso, identifica as accións concretas que se deben realizar e proxecta imaxes de axuda, á vez que ofrece información mediante unha locución ou a través de videoconferencia.

Argos tamén pode axudar a persoas con problemas de visión, xa que un canón de proxección pode mostrar o texto do documento ampliado e mesmo a amplificación auditiva: pode sintetizar voz que lea total ou parcialmente o texto impreso. En canto á discapacidade auditiva, o sistema pode utilizar un servizo de síntese de lingua de signos ou contactar automaticamente online cun intérprete humano que traduza o documento total ou parcialmente a lingua de signos. 

Tema: Xeral
Fonte: Senda Senior
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal