Fai algo máis dun ano que presentámosvos Prometteo, unha aplicación móbil (naquela época aínda se atopaba en fase beta) que funciona dun modo similar ás redes sociais. Nela, os usuarios comparten información sobre o nivel de accesibilidade das cidades para as persoas con discapacidade auditiva, algo totalmente pioneiro até a data.
O obxectivo, tal e como nos comentou a responsable do proxecto, Sara Giménez, era dar a luz unha app que permitise aos cidadáns xordos visitar sen obstáculos desde museos até hoteis, pasando por espectáculos ou restaurantes. E aínda que tardou en chegar, Prometteo por fin está dispoñible de forma totalmente gratuíta na App Store de Apple.
A ferramenta constitúe o primeiro localizador internacional de sitios accesibles para persoas con discapacidade auditiva, pero en que consiste este tipo de accesibilidade? Pois en pór nas habitacións dos hoteis espertadores que vibren ou avisos luminosos para que advirtan de calquera emerxencia; incorporar nos museos tanto signoguías como colares de indución magnética nas audioguías; e introducir a lingua de signos en todo tipo de informacións, como desde hai anos vén facendo co braille dos cegos.
Grazas ao impulso da compañía de corrección auditiva GAES (patrocinadora de Prometteo) e ao apoio do Instituto Municipal de Persoas con Discapacidade de Barcelona, a capital catalá será a primeira cidade do mundo en contar con vídeos traducidos á lingua de signos e ao subtitulado na app. O obxectivo é que proximamente se unan moitas máis, pois, en xeral, a información en materia de accesibilidade que existe actualmente nin é suficiente, nin é fiable.
Rexístrate como: