Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Edificio do CiTIUS

O CiTIUS amosa un sistema de seguimento que detecta variacións cardíacas en tempo real

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/04/15 (10:40)

Investigadores do programa de E-Saúde do CiTIUS (Universidade de Santiago) veñen de amosar as interesantes potencialidades para os doentes cardiovasculares dunha solución de seu que, entre outras cousas, permite facer de maneira automática o agrupamento morfolóxico dos latexos dos pacientes en tempo real. A solución foi dada a coñecer na prestixiosa publicación IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics. Segundo fan saber os seus responsables, o traballo realizado “mellora de maneira substancial as técnicas desenvolvidas até o de agora, abrindo a porta ao emprego de tecnoloxías wereable que axuden a previr riscos cardiovasculares”. Por tecnoloxía wereable enténdese aquela que se carrexa no noso día a día, coma roupa ou complementos.

Volvendo ao desenvolvemento do CiTIUS, cómpre sinalar que o seu potencial e a súa importancia son aínda máis relevantes se temos en conta a quen se dirixe: cara a un colectivo, o dos enfermos cardiovasculares, que non ten trazas de diminuír, máis ben o contrario, e que require polas súas particularidades dun determinado tipo de atencións específicas. De feito, para que nos fagamos unha idea, este tipo de doenzas (agrupadas baixo o paraugas das siglas ECV) provocan preto de 2 millóns de mortes ao ano en Europa. A isto cómpre engadir, sinala o CiTIUS, a tendencia destas enfermidades a convertérense en crónicas, “o que non axuda a reducir a complexidade do seu tratamento”. Entre os principais atrancos cóntanse o seguinte: acadar un correcto seguimento do paciente no seu fogar. Ou sexa, unha constante monitorización que responda axeitadamente a unhas enfermidades que, por desgraza, son difíciles de erradicar nas persoas que as sofren. Dito doutro xeito: cómpre achegar algo continuo no tempo para algo que tamén é continuo.

A tecnoloxía desenvolvida polos investigadores do CiTIUS diríxese principalmente a afrontar este reto, e máis nestes tempos nos que se constata que os sistemas de saúde non teñen os medios precisos para realizar un seguimento correcto dos pacientes. Ao fío disto, engade o centro da USC, un dos labores fundamentais que cómpre levar a cabo é rastrexar posibles desviacións do impulso eléctrico do que depende a propagación dos latexos no interior do corazón, alteracións de rumbo sobre o normal funcionamento do devandito órgano que poden provocar ameazas potenciais para a saúde do enfermo. Para detectar estas desviacións -que tamén recolle o aparello tradicional ECG-, os investigadores lograron deseñar un sistema que detecta todos os patróns de actividade eléctrica mentres esta ten lugar, funcionando como un sistema de alerta que prevén ao cardiólogo do risco que poida estar a correr un paciente en tempo real.


Botando man de dúas bases de datos de referencia
A comunidade internacional de investigadores botan man no seu camiño de localizar con fiabilidade posibles cambios nos latexos de dúas bases de datos: MIT-BIH Arrhytmia Database e AHA ECG Database. Combinando técnicas de procesamento de sinal con estratexias de agrupamento empregadas na intelixencia artificial, o traballo presentado polos investigadores do CiTIUS non só describe unha solución que é quen de separar as diferentes variantes de latexo con gran precisión (98,56% no MIT-BIH e 99,56% na AHA) senón que é quen de facelo por vez primeira en tempo real. Segundo explica o CiTIUS, estamos pois ante “un avance de extraordinaria relevancia, xa que constitúe o fundamento científico dunha posible integración desta tecnoloxía sobre dispositivos wearable, como camisetas intelixentes, reloxos, pulseiras... ou calquera outro complemento asociado ao paciente que poida proporcionar información sobre o seu estado de saúde as 24 horas do día”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal