Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo III Congreso Cidades Dixitais

Entre o 21 e o 22 de abril celébrase en Santiago o Congreso Cidades Dixitais

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/04/15 (09:48)

A terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, organizada pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica, CONETIC, en colaboración coa asociación INEO, celebrarase en Santiago os vindeiros 21 e 22 de abril. A cita, que se desenvolve no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, servirá entre outras cousas para amosar os últimos pasos dados en materia de tecnoloxía smart, ou sexa, en todos aqueles desenvolvementos eficientes que, pola súa natureza, son quen de evolucionar e facernos evolucionar, mellorando a nosa contorna urbana, o noso xeito de traballar e vivir e mesmo a xestión do medio ambiente.

O encontro terá cariz internacional. De feito, contará con responsables das administracións estatais e galegas pero tamén favorecerá o intercambio de experiencias con representantes de diversas cidades latinoamericanas, como Colombia, México, Perú e Uruguai. A finalidade é tender pontes para potenciais colaboracións con empresas españolas en proxectos smart para cidades principais destes países. Tamén haberá unha gran representación de concellos españois: Bilbao, Valencia, Ávila ou Logroño acompañarán a representantes das galegas como: Lalín, Ourense, a Eurocidade Chaves-Verín xunto coa que acolle o evento, Santiago de Compostela. Todas están integrando nas súas estratexias de cidade proxectos de transporte intelixente, auga, refugallos, accesibilidade e goberno aberto.

O congreso buscará tamén dar a coñecer as axencias multilaterais de financiamento, o seu funcionamento e como pode unha empresa española participar nos grandes proxectos liderados por estes axentes. Catro serán as áreas troncais sobre as que se artellarán as mesas de debate: Xestión e Reaproveitamento de Refugallos, Transporte Intelixente de Persoas e Mercadorías, Seguridade nas Smart Cities e Accesibilidade na Cidade e no Fogar. Para máis información sobre o congreso cómpre visitar a web das Cidades dixitais.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal