Un dos grandes retos das familias dos afectados polo trastorno de aspectro autista (TEA) e dos profesionais que os atenden, unha vez que se coñéce o diagnóstico, é incidir nas súas habilidades comunicativas e na súa autonomía persoal e social. Neste sentido, as novas tecnoloxías representan «unha plataforma moi importante porque amplifican os beneficios que a comunicación supón para o desenvolvemento do neno», apunta Ramon Duch, docente dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da UOC.
«A posibilidade de utilizar unha tableta ou o computador para facer demandas, expresar intereses ou ben realizar un acto tan aparentemente sinxelo como é escoller unha opción entre dúas constitúe unha axuda moi valiosa para o neno TEA», explica Duch, tamén psicólogo da Institución Balmes. As novas tecnoloxías fomentan «a autonomía dos afectados, a mellora da atención e o interese ou ben determinadas habilidades específicas no ámbito da comunicación», engade o experto.
Hoxe en día existe unha gran diversidade de recursos tecnolóxicos dirixidos ao colectivo de persoas con autismo. Por iso é importante coñecelos e decidir sobre a súa idoneidade. Duch subliña que na rede «pódense atopar webs que xustamente ofrecen información detallada, tanto sobre materiais como sobre aplicacións (Cappaces.com e iautism.info son dous exemplos)». En moitos destes casos, engade, «dáse información específica da franxa de idade á que van dirixidos (primeira infancia, etapa escolar, etapa adulta) ou ben os ámbitos nos que se centran (comunicación, lectura e escritura, destrezas motrices, xogos...)».
Unha das últimas novidades en recursos deste tipo, centrada especialmente no campo do autismo, é o Picto Connection: unha aplicación baseada en pictogramas, dirixida a nenos e a adultos, para facilitar e mellorar a comunicación. Meritxell Molina, neuropsicóloga e impulsora deste proxecto, xunto co deseñador da ferramenta e estudante dos Estudos de Informática, Multimedia e Telecomunicacións da UOC, Jordi Llonch, explica que é unha ferramenta que «permite levar a cabo unha comunicación satisfactoria non só pola súa funcionalidade senón tamén pola súa sinxeleza e por estar adaptada ás necesidades deste colectivo». O sistema foi deseñado para atender a diversidade funcional destas persoas nos niveis cognitivo, visual e auditivo.
Para Molina, tamén fundadora de AANTEA, asociación dedicada á creación de proxectos para persoas con trastorno de espectro autista (TEA), «un diagnóstico temperán e unha intervención continua ao longo da vida melloran cualitativamente e cuantitativamente a súa independencia, autonomía, integración social e calidade de vida». Neste sentido, ferramentas tecnolóxicas como Picto Connection axudan a potenciar o seu desenvolvemento xeral como persoas.
Rexístrate como: