A Deputación de Lugo presentou a semana pasada, de man da súa vicepresidenta segunda Lara Méndez, a nova programación dos cursos do Centro de Innovación Social InLugo, unha achega de actividades formativas e divulgativas (cursos e obradoiros) que ten como principal novidade o feito de abranguer toda a provincia. O obxectivo: facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, con independencia de onde se atopen. Doutra banda, o organismo provincial inaugurou a Aula de Transmisión do Coñecemento, tamén para os maiores de toda a contorna de Lugo. Trátase dun espazo formativo equipado con material informático e conexión a Internet, a libre disposición de todos os veciños de máis de 55 anos.
Máis en detalle, Méndez fixo saber que “para o segundo trimestre deste ano o InLugo convoca preto de 700 prazas, totalmente gratuítas, en 55 cursos e obradoiros, dos que 34 se desenvolverán en 12 concellos e 10 parroquias do municipio de Lugo”. En sucesivas convocatorias, engadiu, estas actividades TIC para promover o envellecemento activo impartiranse no resto dos Concellos da provincia.
Na sede do InLugo, na rúa Frei Plácido Lemos terán lugar, entre abril e xuño deste ano, 21 cursos e obradoiros, cun total de 273 prazas. As outras 34 actividades, con 410 prazas, realizaranse en Friol, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol, Guitiriz, Castroverde, O Corgo, Vilalba, Xermade, Guntín e Muras, e en 10 parroquias do Concello de Lugo. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tableta ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexármonos por Internet ou en diferentes redes sociais. Polo que se refire aos obradoiros, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co computador, a tableta ou as vídeoconsolas.
Xa poden realizarse as inscricións a través de fundaciontic.org e deputacionlugo.gal, ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Toda a información das actividades está nas devanditas webs. Os cursos teñen prazas limitadas.
Respecto á Aula de Transmisión de Coñecemento, diríxese a facilitar o acceso e uso das novas tecnoloxías (inclúe un amplo equipamento de computadores táctiles) e a fornecer apoio formativo e reforzo aos maiores. De feito, contarán co apoio dun docente do centro para resolverlles calquera dúbida.
Rexístrate como: