O presidente e o secretario do CPETIG, Marcos Mata e Juan Luis Miguéns, respectivamente, tiveron na mañá do pasado martes unha xuntanza coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na que se avaliaron posibles vías de colaboración entre ámbalas partes. O obxectivo do encontro, que se suma ao dos compañeiros do CPEIG que tamén se celebrou esta semana, foi sentar os alicerces de accións vindeiras orientadas a favorecer o uso responsable e en condicións de igualdade das novas tecnoloxías da información entre a poboación moza de Galicia.
Para iso, fixeron saber, contémplase o inicio de accións conxuntas para corrixir a suba da discriminación de xénero que está a experimentar a nosa sociedade nos últimos anos e que vén constatada por unha manchea de investigacións recentes, moitas das cales atenderon directamente ao emprego que lle dan as novas xeracións ás novas tecnoloxías (nas que se reflicte en detalle o incremento dos estereotipos e dos factores que inducen á discriminación).
Segundo lembrou o CPETIG, entre os estudos máis salientables e referenciais atópase o presentado a principios de ano polo Ministerio de Sanidade e no que se amosa que case unha de cada tres persoas novas considera “aceptable en ocasións” ou “inevitable” actitudes directamente ligadas ao machismo como controlar as relacións con amigos e familiares ou os horarios da parella.
O CPETIG, como recordaremos, tense significado moito contra a discriminación e a fenda de xénero dixital na nosa terra, tal e como o evidencia o seu informe recente sobre a matriculación feminina en informática nas nosas universidades. No seu estudo, entre outros datos, faise saber que a participación das mozas nos ditos ámbitos de estudo baixou do 26% ao 14% nos nosos campus ao longo dunha década. Segundo apuntou daquela a entidade profesional que preside Marcos Mata, nos últimos dez anos tense producido un importante descenso da presenza de alumnas no Grao en Informática nas tres universidades de Galicia (hoxe estamos na devandita taxa do 14%), cun rango que oscilou entre as cifras da Universidade de Vigo, que andaban hai dez anos a rentes do 30%, e a taxa amosada hoxe pola devandita carreira na Universidade de Santiago, unha taxa de matriculación que rolda o 12%.
Rexístrate como: