Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Personal sanitario poñéndose o traxe de protección vírica

Google colabora no desenvolvemento dunha tableta a proba de ébola

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/03/15 (09:52)

Hoxe cúmprese un ano desde que se declarou o que até agora foi o maior brote de ébola rexistrado en África Occidental. A epidemia fixo que autoridades, sanitarios e organizacións de axuda internacional se reformulasen cales debían ser os protocolos de actuación contra o virus. Entre eles, Médicos Sen Fronteiras de Francia, que reclamou unha tableta que puidese ser utilizada en situacións extremas como esta.

Poucos son capaces de aguantar, tras xornadas de gran estrés e tensión, a dificultade engadida de tomar notas nun caderno con luvas e incómodos traxes illantes. Desde o punto de vista da organización humanitaria, iso constitúe practicamente unha garantía de cometer erros.

Pero a tecnoloxía táctil, tal e como se entende case sempre, non se leva ben cun mortífero virus que tamén pode transmitirse a través da pel. Por iso, coa axuda de Google, un equipo de voluntarios deseñou un prototipo de tableta que pode ser manexada coas luvas postas e desinfectada con cloro, pensada especificamente para sanitarios que se enfrontan ao ébola.

A tableta está protexida por unha carcasa impermeable que pode ser mergullada nunha solución de cloro, capaz de eliminar o virus do Ébola. Pode ser utilizada coas mans enguantadas, e tamén en situacións de altos niveis de humidade, por exemplo, tormentas tropicais.

O equipo que a deseñou, iniciado por voluntarios de Whitespell e Hack4Good aos que se uniu máis tarde Google, eliminou os bordos afiados do dispositivo para evitar que a funda protectora se vise danada, recolle BBC News.

O dispositivo conta con outras particularidades, como que a súa batería pode recargarse de forma inalámbrica.  Este xa foi probado nos centros nos que Médicos Sen Fronteiras traballa en Serra Leona e permite que os sanitarios poidan realizar un seguimento dos seus pacientes, rexistrando e comparando variables como a súa temperatura corporal e o seu pulso ao longo do tempo.

Poder realizar estas tarefas da maneira máis sinxela e segura posible, pensan no equipo que traballa neste proxecto, permitirá avanzar na investigación desta enfermidade.

Tema: Xeral
Fonte: TICbeat
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal