Automatic Spontaneous Speech Analysis (ASSA): análise automática da fala espontánea. Así se denomina un proxecto en desenvolvemento por parte do grupo de investigación multidisciplinar ELEKIN da UPV/EHU cuxo principal obxectivo é dar cunha técnica de detección precoz do Alzheimer que non inclúa necesariamente exames médicos.
O método que están a desenvolver na Universidade do País Vasco baséase na gravación dos pacientes a estudar mentres contan unha experiencia propia relacionada coa súa vida e que poden facer de forma relaxada e sen sentirse estudados en ningún momento. Posteriormente, esa gravación é analizada mediante algoritmos para determinar se se inclúen parámetros que poidan significar un inicio da enfermidade do Alzheimer.
Pór precisión a impresións dos médicos
O sistema ASSA recorre á cuantificación de elementos e detalles que agora mesmo se valoran nos pacientes a primeira ollada pero aos que se quere dotar de máis precisión tanto na recollida dos datos como no almacenamento e seguimento.
Unha vez coa gravación do relato do paciente o sistema analiza de forma automática o contido para detectar e valorar parámetros definidos polo equipo médico como poden ser as pausas que o paciente realiza para lembrar unha palabra.
O estudo é bastante amplo, e inclúese non só a enfermos senón a persoas que por antecedentes familiares poderían acabar desenvolvendo a enfermidade, así como a persoas completamente sas e sen antecedentes. O obxectivo é dispor de suficientes datos para mesmo analizar a fase preclínica.
Por agora a técnica ASSA está en fase de estudo e non se usa en ningún centro médico. A esperanza dos seus desenvolvedores é que no futuro poida implementarse coma un sistema de detección rutineiro non invasivo e moi económico (en comparación cos sistemas invasivos actuais).
Rexístrate como: