Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Profesor con alumnos nunha clase

Máis de 111.000 estudantes convértense en emprendedores sociais co Concurso Escolar da ONCE e a súa Fundación

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/03/15 (08:46)

Máis de 111.000 estudantes e 2.000 profesores de 1.645 centros educativos repartidos por todo o territorio estatal, participan xa no 31 Concurso Escolar da ONCE e a súa Fundación que, nesta ocasión, convida os alumnos a traballar sobre o concepto de economía social e a coñecer que hai un modo diferente de facer as cousas, onde o beneficio de todos para todos é posible.

Os nenos, nenas e novos participantes teñen que imaxinar novos modelos de empresa social e convertelos nunha realidade (ben en noticias ou ben en proxectos) para o que contan coa axuda dos seus profesores, charlas de expertos e visitas a compañías comprometidas coa Responsabilidade Social e tamén a centros especiais de emprego.

Baixo a lema 'Persoas que pensan en persoas. ONCE: outra forma de facer', o Concurso quere sensibilizar desde os centros educativos sobre a importancia e necesidade da igualdade de oportunidades entre persoas con e sen discapacidade, a través de conceptos como inclusión, integración, igualdade e desenvolvemento, especialmente no posto de traballo.

Así, o Concurso permitirá profundar na realidade da discapacidade, educar a súa sensibilidade a través do coñecemento, e axudará aos estudantes a asimilar os valores de solidariedade, respecto á diversidade e inclusión social que promoven a ONCE e a súa Fundación

Desta forma os alumnos de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial deben desenvolver entre toda a aula a portada dun xornal coa súa cabeceira, titulares, noticias, fotos, etc, todo iso vinculado con con unha serie de termos clave como igualdade, economía social, traballo e persoas con discapacidade.

Pequenos emprendedores
Pola súa banda, os estudantes de Formación Profesional e Bacharelato (novas categorías do Concurso) terán que levar a cabo un proxecto de empresa do sector que elixan (servizos, industria, agroalimentario, etc.), baseado nos principios da Economía Social: primacía das persoas e do fin social sobre o capital; promoción da solidariedade interna; compromiso co desenvolvemento local; igualdade de oportunidades entre homes e mulleres; inserción de persoas en risco de exclusión social; xeración de emprego estable; conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e sustentabilidade.

Esta nova edición do Concurso Escolar da ONCE e a súa Fundación continúa fomentando o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e pon ao alcance dos centros escolares a vantaxe de participar de maneira online, de forma que o profesorado pode descargarse o material didáctico da Web (www.concursoescolaronce.es) ou subir os traballos a través da zona privada do profesor.

Visitas a empresas e Declaración da economía social
Para facilitar o traballo do profesorado e os estudantes, o Concurso ofrece a posibilidade de realizar unha visita a unha empresa socialmente responsable, pertencente á economía social, ou tamén a un centro especial de emprego (con máis dun 80% de persoas con discapacidade en persoal).

Ademais, a través do Concurso realizarase a 'Declaración por unha economía social e inclusiva', que será elaborada a partir dos centos de motivos que han ir deixando os estudantes ao enviar os seus traballos e as mensaxes de apoio á economía social que o público en xeral pode escribir na web do propio Concurso e no perfil de Facebook do mesmo.

Até o próximo 16 de marzo, os colexios poden inscribirse no Concurso e presentar as súas propostas de traballo. A partir de aí, como en anteriores edicións, o Concurso establece tres fases nas que os xurados irán seleccionando os traballos que consideren mellores: a fase provincial, cuxo fallo se producirá a finais do mes de abril; a fase autonómica, no mes de maio; e a fase estatal, no mes de xuño.

Os gañadores absolutos desta edición, gozarán durante un fin de semana do Campamento de Mozos Emprendedores, no que vivirán momentos cheos de actividades e experiencias innovadoras, con visitas culturais e talleres. Todos os traballos presentaranse de maneira online a través das plataformas que a ONCE e Fundación ONCE teñen activadas para este Concurso, onde pode ademais verse como evoluciona.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal