Será entre o 25 e o 26 de febreiro, cando o Centro de Innovación Social da Fundación TIC da Deputación de Lugo adique dúas xornadas aos lucenses maiores de 55 anos, baixo o epígrafe Abertic Maiores. O obxectivo desta iniciativa é difundir o traballo do InLugo na promoción do uso das novas tecnoloxías entre as persoas de máis idade para mellorar a súa calidade de vida e benestar con actividades que estimulen as súas habilidades mentais e físicas. O Abertic Maiores, que se desenvolverá na sede da Fundación TIC, en horario de 10:30 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, contará con diversas actividades lúdicas relacionas cos diferentes programas do InLugo: Nutretic, Engurras TIC, Memoria Dixital Tic Tac, Sempre en Activo e Camiña coas TIC, entre outros.
Dicir que as ditas actividades levaranse a cabo en tres espazos. Unha das aulas estará adicada ao programa Nutretic, onde se ensinarán os principios da alimentación e nutrición, a clasificación de alimentos ou os tipos de dietas. Amais, de achegar aos asistentes pola mañá un almorzo e polas tardes, unha merenda.
A segunda sala centrarase nos programas Memoria Dixital Tic Tac, Taboleiro Abertic e Engurras Tic, que promoven un envellecemento activo a través de diversos obradoiros como os de fotografía. Neste espazo exporanse 50 fotos, unha por cada participante no Engurras TIC, das que sairán as finalistas e a gañadora.
Por último, o terceiro espazo adicarase a Sempre en Activo e Camiña coas Tic, proxectos encamiñados á estimulación cognitiva e funcional e á alfabetización na Rede. Haberá un Recuncho X-Box, Wii, PlayStation, etc. Será unha zona de actividade física con diversas consolas e demostracións de xogos nos que poderán participar os maiores de 55 anos, que serán asesorados, xunto cos monitores, polos propios usuarios destes programas.
Rexístrate como: