Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Monité

Nesplora lanza un xogo e unha web para loitar contra o acoso escolar

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/02/15 (09:03)

A empresa vasca Nesplora, co apoio do Ministerio de Industria, vén de desenvolver o que considera “o primeiro programa integral en castelán para a prevención de condutas relacionadas co acoso escolar ou bullying”. Chámase Monité e inclúe catro elementos fundamentais: un videoxogo, ao que se pode acceder a través de Internet; manuais para pais con posibilidade traballar cos fillos, educadores e terapeutas; material complementario como vídeos e contos; e unha páxina web para compartir experiencias e reforzar a aprendizaxe.

O videoxogo en cuestión está dirixido a nenos de entre 6 e 11 anos e o seu obxectivo é educar na empatía e o respecto para a prevención de condutas que se producen ao redor das situacións de acoso escolar. O escritor de literatura infantil Daniel Nesquens foi o encargado da parte narrativa e o Centro de Innovación Urkide, especializado en pedagoxía infantil, desenvolveu as guías escolares.

Monité, informan os seus creadores, é un programa de continuidade. Isto significa que este ano vaise lanzar a primeira entrega (un videoxogo que narra as aventuras do protagonista no primeiro do catro planetas Raining Planet), e nas seguintes tres achegas (Clown Planet, Indifferent Planet e Electro Planet) seguirase a traballar na aprendizaxe de condutas contra o acoso escolar, centrándose no papel do espectador, o acosador, e no ciberbullying. Segundo fan saber os creadores de Monité, o valor do xogo é fundamental, xa que o neno é quen de implicarse máis por ser un tema lúdico. “Mentres se utiliza o sistema”, sinálase, “tómanse decisións sobre situacións que os rapaces poden atoparse na vida real e iso axúdalles a ter un patrón”.

En definitiva, o programa Monité tenta chegar aos nenos a través da súa linguaxe. “Con Monité”, explican, “aprenden de forma divertida, pero non por iso menos educativa a través dun videoxogo en forma de historia”. A maiores do videoxogo, Monité propón un caderno de manualidades xunto ás guías, como forma de reforzar o aprendido de forma máis activa e creativa.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal