Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación AbaPlanet 1.0 e iSecuencias 3.0

A intelixencia artificial ao servizo dos nenos con autismo e síndrome de Asperger

  • Fundación Planeta Imaxinario lanza ao mercado AbaPlanet 1.0 e iSecuencias 3.0, dúas apps baseadas na aprendizaxe programada. Con elas, expertos en aprendizaxe e conduta achegan os seus coñecementos a pais e profesionais.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/02/15 (10:11)

A Fundación Planeta Imaxinario presentou as apps AbaPlanet 1.0 e iSecuencias 3.0, ámbalas dúas deseñadas principalmente para nenos con necesidades especiais como o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e outros trastornos da aprendizaxe.

Co lanzamento de iSecuencias 3.0 e AbaPlanet 1.0, Planeta Imaxinario pon a intelixencia artificial ao servizo dos nenos con dificultades especiais como o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e a Síndrome de Asperger e achegan os seus coñecementos a pais e profesionais.

Tanto iSecuencias como AbaPlanet foron deseñadas polo equipo clínico de Fundación Planeta Imaxinario: psicólogos expertos en conduta con máis de 20 anos de experiencia traballando con nenos con TEA. Con este lanzamento, ponse ao alcance de pais e profesionais, dúas ferramentas baseadas na metodoloxía ABA (Applied Behavior Analysis), a cal demostrou a súa eficacia no tratamento de nenos con TEA en numerosos estudos.

AbaPlanet é unha app de aprendizaxe para iPad que permite traballar o recoñecemento de obxectos e vocabulario básico a través dun sistema de intelixencia artificial pre-programado, que toma decisións en base ao rendemento do neno, diminuíndo ou acelerando o ritmo de aprendizaxe.

A app está dirixida a pais e profesionais. Aos primeiros, permítelles realizar sesións de terapia sen necesidade de supervisión directa nin coñecementos técnicos avanzados. Para os profesionais, AbaPlanet é unha ferramenta sólida de acompañamento ás sesións, con rexistros automáticos do rendemento do neno e un sistema experto onde poder programar e personalizar as súas propias secuencias de traballo.

Así, AbaPlanet facilita que o neno aprenda de forma independente en situacións de clase, en familia ou en terapia.

iSecuencias, con máis de 50.000 descargas para iPad e tabletas Android desde o seu lanzamento ao mercado, converteuse nunha ferramenta de referencia para traballar as situacións sociais, de hábitos de autonomía e de expresión de emocións do día a día. Esta app, dirixida a nenos con autismo de alto funcionamento ou síndrome de Asperger, conta con 100 secuencias pre-programadas que permiten centos de exercicios posibles, co que o neno poderá aprender estrutura básica da linguaxe, recoñecemento de emocións e hábitos da vida cotiá, entre outras cousas.

A nova versión 3.0 de iSecuencias ofrece unha importante novidade: a oportunidade de que o usuario personalice a app deseñando as súas propias secuencias a base de incorporar imaxes propias, adaptándose aínda máis ás necesidades de cada neno/a e multiplicando así as posibilidades que ofrecía na súa versión anterior.

Coa nova actualización, os usuarios poderán traballar todas as temáticas que queiran adaptándoas ás necesidades de cada neno: anticiparse a situacións cotiás, converter aos seus papás ou os seus personaxes preferidos nos protagonistas da historia, etc...

Máis información sobre as apps na Web Oficial da Fundación Planeta Imaxinario.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal