As alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial da Universidade da Coruña, situada no campus de Ferrol, regresaron onte de Dubái onde estiveron competindo no concurso internacional Drones for Good, no que que acadaron o terceiro posto co seu prototipo Dronlife.
Andrea Magán, Susana López, Tays Ferrer e Macarena Arcay crearon o Dronlife, un proxecto de dron salvavidas que ten a finalidade de transportar órganos para transplantes. Ao concurso presentáronse 130 prototipos, dos que 20 chegaron ás semifinais e só cinco ás finais, que tiveron lugar na cidade de Emiratos Árabes Unidos entre os días 3 e 7 de febreiro.
As alumnas foron recibidas ao chegar onte do seu periplo internacional polo profesor da materia Proxecto de Fin de Grao, José Ramón Méndez Salgueiro. Desde a Escola, o seu director, Jon Solozábal, manifestou onte a satisfacción e o orgullo que supón para o centro que un grupo de estudantes seus acadasen este éxito mundial, o que coloca á Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol entre as máis prestixiosas a nivel internacional.
Rexístrate como: