Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Voluntariado Galego

Xuventude oferta este ano un total de 26 cursos de formación de voluntariado

  • Entre as accións formativas que se impartirán destacan metodoloxías para dinamizar grupos na acción voluntaria, marketing social, desenvolvemento de procesos participativos ou xestión de proxectos
  • Ofértanse tamén cursos de voluntariado ambiental, para o coidado de persoas con alzhéimer, dixital, de emerxencias, violencia de xénero ou de prevención da dependencia
  • As accións formativas máis demandadas outros anos son as relacionadas co coidado de persoas con alzhéimer ou o voluntariado para apoio e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/02/15 (08:20)

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ofertará este ano un total de 26 cursos de formación en materia de voluntariado. Salvo unha destas accións formativas, a destinada ao voluntariado de persoas reclusas, todos os demais ofreceranse en liña a través da plataforma www.voluntariadogalego.org. A inscrición nestes cursos irase iniciando ao longo do ano, segundo as demandas.

Ademais do curso básico de iniciación ao voluntariado, este plan de formación conta con cursos como o de aprendizaxe-servizo a través do voluntariado, metodoloxías para dinamizar grupos na acción voluntaria, marketing social, desenvolvemento de procesos participativos ou xestión de proxectos.

Esta programación tamén ofrece cursos para a formación de persoas que queiran participar en programas máis concretos, como o voluntariado dende dentro; o ambiental; o de coidado de persoas con alzhéimer; o dixital; o de catástrofes e emerxencias; o de violencia de xénero; ou o de prevención da dependencia.

Dende o ano 2009 participaron nestas accións formativas preto de 47.000 persoas voluntarias, cunha media de 29 cursos ofertados por ano. O curso con máis demanda foi o de voluntariado con persoas con alzhéimer, que finalizaron un total de 703 voluntarios, seguido do de voluntariado para apoio e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero, con 585 persoas.

Tamén destacan polo número de voluntarios participantes, os cursos sobre dano cerebral adquirido e ictus, con 557 persoas, o de habilidades sociais, traballo coa terceira idade e acompañamento hospitalario, con 550 ou o de catástrofes e emerxencias, que o remataron 548 voluntarios.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal