Ship2B, fundación representada por líderes da contorna empresarial e social, promoveu, coa colaboración de IESE Business School e Founder Institute, o lanzamento dunha rede de contactos laborais para fomentar a contratación e o desenvolvemento de persoas con discapacidade.
O proxecto de emprendeduría, chamado Disismore, pretende impulsar deste xeito un cambio social co obxectivo de normalizar a situación deste colectivo dentro do mundo empresarial.
A plataforma Disismore proporciona unha solución innovadora que axiliza e fai máis eficiente a fase de recrutamento de todas aquelas compañías interesadas en contratar a persoas con discapacidade. Facer máis visible o seu talento -evidenciando as súas actitudes, aptitudes, experiencias profesionais e motivacións-, incentivar a súa interacción e asesoramento con técnicos de inserción laboral; anticipar solucións ás necesidades organizativas dos recruiters; e facilitar o encontro entre todos os implicados, representan as principais vantaxes que esta iniciativa dixital achega aos seus usuarios.
Tras a súa posta en marcha o pasado mes de marzo, esta ferramenta social xa conseguiu reunir a preto de 3.000 usuarios e publicar un total de 102 ofertas de emprego, que derivaron en 15 procesos de selección, dos cales 10 resultaron casos de éxito. Aínda así, e segundo explica Marta Melon, membro do equipo emprendedor de Disismore, "este proxecto supón romper co modelo tradicional de bolsa de traballo xa que, de forma permanente, permite ás empresas identificar perfís de interese e dispor dun asesor online con independencia de se existe ou non unha proposta laboral, o que tivo unha excelente aceptación entre elas".
O perfil de usuario ao que se dirixe esta rede laboral inclúe tanto a persoas con discapacidade que xa están a traballar ou se atopan en situación de procura de emprego, como a profesionais de empresas en proceso de recrutamento de candidatos e técnicos de orientación e inserción laboral. O proxecto de emprendeduría persegue ir máis aló do cumprimento da Lei de Integración Social do Minusválido (LISMI), un desexo a través do que os seus promotores se comprometen ademais a medir o impacto social das empresas.
"Este traballo xurdiu da nosa experiencia na xestión de organizacións e departamentos de Recursos Humanos, a través da que identificamos unha necesidade que nin as empresas nin as persoas con discapacidade teñen hoxe día resolta", afirma Marta Melon, quen engade que "o avance das novas tecnoloxías e as tendencias emerxentes en "social recruiting" permiten o nivel de madurez suficiente como para lanzar unha plataforma dixital que busca o equilibrio entre o retorno económico e social".
A iniciativa Disismore forma parte do programa de aceleración de proxectos de innovación social de Ship2B, B-Challenge, que celebrou a súa primeira edición atopando solucións para transformar os principais retos da sociedade, como a formación e a inserción laboral, en oportunidades. "A discapacidade non ten que determinar o destino profesional dunha persoa, senón a suma das súas actitudes, aptitudes, motivacións e compromisos. Esta é a que debe definir o marco da súa capacidade e potencialidade profesional", conclúe Marta Melon.
Rexístrate como: