A aplicación móbil Menteágil está dirixida a persoas a partir dos 50 anos que sofren Alzheimer ou un tipo demencia similar, ou están preocupadas pola súa memoria e queren realizar actividades de prevención. O proxecto consiste nun software que ofrece exercicios de estimulación cognitiva, e aínda que está pensado para o seu uso durante sesións de terapia, a intención é que poida ser utilizado tamén por calquera persoa de forma autónoma.
Detrás do proxecto está a empresa andaluza Menteágil, dedicada a ofrecer servizos de asistencia e apoio a persoas que sofren algún tipo de demencia. A partir da súa experiencia, propuxéronse crear unha aplicación móbil de apoio ás terapias con actividades de estimulación cognitiva como exercicios de cálculo, lóxica, atención e lectura.
O software incluirá un test de valoración inicial para coñecer o estado do paciente que foi desenvolvido por unha asociación de neuropsicólogos de Sevilla e xa está a ser utilizado en varios hospitais da comunidade autónoma. A partir dos resultados do test, a aplicación calculará o grao de dificultade máis adecuado para o usuario e ofreceralle diferentes tipos de exercicios, baseados nun método propio creado por Menteágil.
De cara a conseguir financiamento para desenvolver a aplicación, o equipo abriu unha campaña de crowdfunding en Goteo. A cambio da colaboración cidadá, Menteágil ofrecerá parte da aplicación para o seu acceso libre e porá a disposición da comunidade científica os datos de interese sanitario que se recollan a través da app.
Rexístrate como: