O Hotel AC Palacio do Carme, en Santiago, acolleu a entrega dos Premios Galicia 2015 convocados dende Madrid pola fundación SOCINFO, unha entidade destinada a amosar e recoñecer os valores da Sociedade da Información e das institucións, empresas e profesionais que velan por ela. De feito, os galardóns entregados hoxe son un xeito de desenvolver este obxectivo aplicado á nosa terra. Entre as entidades e empresas distinguidas atopamos á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou á Deputación de Lugo, ámbalas dúas premiadas polo seu compromiso a prol das novas tecnoloxías da información e a busca, a través delas, de xeitos de traballar máis eficientes, rendibles e cómodos para o cidadán. Tamén o CPEIG e o CIXTEC levaron cadanseus recoñecementos. Porén, houbo moitas máis administracións, plataformas empresariais e firmas galegas galardoadas, en total foron 20.
Previamente á entrega de distincións celebrouse o acto de apertura da xornada na que inseriu a propia entrega. Nel participaron Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e máis José García Méndez, director de SOCINFO. Perante un auditorio formado por arredor dun cento de profesionais galegos das novas tecnoloxías (procedentes do ámbito público e do privado), Pereira lembrou algúns dos proxectos que arestora desenvolve a axencia, algúns dos cales terá especial impulso e acadará cotas decisivas ao longo de 2015.
Por exemplo o Plan Smart Turismo (turismo intelixente para Galicia), o Proxecto Abalar (dixitalización das nosas aulas), o segundo Plan Senda (co que se aborda agora a implantación integral do expediente xudicial electrónico) e o segundo Plan de Administración Dixital, entre outras iniciativas. Segundo explicou a directora de AMTEGA, este ano que comeza será ante todo “un ano intensivo en actividades dende a axencia”.
A maiores, Pereira salientou papel das TIC no período 2014-2020, no que sinalou que Galicia recibirá un total de 2.771 millóns de euros procedentes dos fondos estruturais (FEDER e FSE) da Unión Europea (UE). “Así se recolle”, lembrou, “na Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aliñada coa RIS3, para afrontar os retos tecnolóxicos formulados por Europa no horizonte 2020 e que constitúe o marco estratéxico sobre o que se establecerán as actuacións da nova estratexia tecnolóxica, a Axenda Dixital 2020, que se presentará este ano”.
Logo da cerimonia de apertura da xornada, unha actividade que contou co patrocinio de SIVSA e Vodafone, veu o acto de entrega de galardóns en si mesmo. Recibiron unha distinción as seguintes entidades galegas: a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia polo proxecto PasaXe! para a interoperabilidade entre administracións, o operador público galego RETEGAL, a Dirección Xeral de Xustiza, o Concello de Santiago (pola iniciativa posta en marcha para favorecer o aparcamento intelixente na cidade), o Concello de Vigo (pola plataforma global Vigo Cidade Intelixente), a Deputación de Pontevedra (pola estratexia TIC 2008-2014), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (pola iniciativa Navega con Rumbo para favorecer o uso racional e seguro das novas tecnoloxías entre os nosos escolares), a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, o Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financiera e Contable - CIXTEC (polas súas contribucións a integrar a Administración Tributaria galega nas vantaxes e posibilidades do ámbito electrónico e da información), a Dirección Xeral de Función Pública, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Dirección Xeral de Educación, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Dirección Xeral de Emprego e Formación, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, Hijos de Rivera e Cooperativas Ourensás.
Rexístrate como: