Os responsábeis de App Ciudad puxeron en marcha o primeiro de mes unha iniciativa tecnolóxica destinada a facilitar que cidadáns e proxectos solidarios poidan atoparse. Trátase de Acción Solidaria, un xeito de estreitar espazos entre os internautas con arelas de botar unha man aos demais e os proxectos que canalizan e materializan esas arelas. A proposta baséase no seguinte: hai unha cantidade inxente de accións solidarias (doazóns de xoguetes, comidas, roupa) que fican en nada por non daren os cidadáns coas portas axeitadas ás que petar.
A iniciativa Acción Solidaria, xa usada a pleno rendemento por cidadáns e tamén por ONG e empresas (que poden publicar de balde as súas campañas para que a xente poida unirse a elas), é unha categoría dentro das aplicacións propias de App Ciudad. Está xa ao alcance da man dos máis 600.000 usuarios que a empresa ten en España e o seu obxectivo principal é converter as franquías desta firma de desenvolvemento de ferramentas móbiles “nun escaparate gratuíto para que as empresas, colaboradores, asociacións e ONG que así o desexen, publiquen as súas campañas solidarias”. Así o recalca José Ramón Cerviño, director xeral da plataforma App Ciudad: “Esta iniciativa é totalmente altruísta e non terá ningún custo para as entidades que queiran publicar as súas campañas solidarias nas nosas aplicacións”.
Lembrar que App Ciudad está dispoñíbel en máis de 30 puntos nacionais e internacionais e vén de unir todas as súas franquías baixo o seu propio nome nunha aplicación lanzadeira que inclúe novos servizos como as seccións Accesibilidade, con información sobre accesibilidade para persoas con diversidades funcionais ou motrices, ou Viaxa e Traballa, onde se ofrecen ofertas de emprego temporais para quen queira un emprego mentres visita unha cidade.
Rexístrate como: