Os anciáns da Residencia "Cidade de Matrimonios Anciáns Nosa Señora do Carmen", situada en Ciudad Real e dependente da Consellaría de Sanidade e Asuntos Sociais de Castela-A Mancha, foron os primeiros en probar da man de Indra un prototipo de andadeira intelixente que, mediante a incorporación de diferentes tecnoloxías, permite mellorar as capacidades de mobilidade das persoas maiores en ámbitos urbanos e non estructurados, mellorando a súa autonomía e confianza.
O prototipo foi desenvolvido no marco do proxecto europeo de I+D+i Dali (Devices for Assisted Living). Ademais de realizar o piloto, Indra coordinou a integración os diferentes sistemas que forman o prototipo, como cámaras e sensores, que axudan a cubrir as deficiencias ou problemas que presentan nos seus sentidos os usuarios. A plataforma emprega, ademais, múltiples formas de interactuación, visual, auditiva ou mediante vibración, para intentar cubrir todo o rango de necesidades dos usuarios.
A residencia A Nosa Señora do Carmen ten sido elixida por Indra para o piloto en España debido a que os residentes se aloxan nela por parellas cando un dos cónxuxes presenta problemas de autonomía. Os maiores colaboraron tanto na toma inicial de requisitos, co fin de que a solución se adaptase ás súas necesidades reais, como na validación do prototipo.
Nas probas realizadas, 22 persoas maiores con problemas de mobilidade ou con dificultades sensoriais e/ou cognitivas moderadas utilizaron a andadeira para guiarse a través dun ámbito que simulaba un centro comercial. O resultado da validación foi moi positivo, ao facilitar información moi valiosa para o axuste final do prototipo e conseguir un grao de satisfacción moi elevado por parte dos usuarios.
No marco do proxecto tamén se están a realizar probas de validación similares en Italia e Reino Unido, coa fin de comprobar os resultados e os deseños independentemente do ámbito e as condicións culturais.
Maior autonomía e seguridade
Grazas á integración das diferentes tecnoloxías, a andadeira intelixente permite ás persoas de terceira idade unha maior autonomía nos seus percorridos e paseos fóra do seu ámbito coñecido, ao avisalos de posibles situacións perigosas como obstáculos ou conxestións de xente e guialos para evitar eses perigos. O usuario mantén sempre, non obstante, o control da andadeira.
O prototipo tamén inclúe unha cámara que analiza as faccións da persoa maior para determinar o seu estado de ánimo, considerando este aspecto como un factor relevante. Se se detectan signos de tristura ou cansazo, detense a ruta e pregúntase ao usuario por se necesita descanso ou axuda, co fin de poder redirixilo ao lugar ou ao persoal de asistencia máis próximo.
Outras posibles aplicacións son a navegación en exteriores e en centros comerciais, axudando por exemplo aos maiores na busca de produtos; en grandes hospitais, para dirixilos cara á súa consulta; e en aeroportos ou estacións de tren, para levalos á súa porta de embarque. Ao detectar o movemento, tamén podería utilizarse en rehabilitación e saúde ocupacional.
O proxecto Dali, financiado pola Comisión Europea a través do VII Programa Marco (EC Grant Agreement n.288917), está coordinado pola Universidade de Trento e finaliza este ano. Indra foi o membro líder na integración do prototipo e responsable da interface visual e participaron tamén no consorcio a empresa española Visual Tools, a Universidade de Siena, a entidade francesa Inria, o grupo de investigación grego Forth, a Universidade de Northumbria e Siemens.
Indra, presidida por Javier Monzón, é a multinacional de consultoría e tecnoloxía nº1 en España e unha das principais de Europa e Latinoamérica. A innovación é a base do seu negocio e sostibilidade, despois de dedicar máis de 570 M€ a I+D+i nos últimos tres anos, cifra que a sitúa entre as primeiras compañías europeas do seu sector por investimento. Cunhas vendas aproximadas aos 3.000 M€, o 61% dos ingresos proceden do mercado internacional. Conta con 43.000 profesionais e con clientes en 138 países.
Rexístrate como: