O segundo programa InnovaTE da Deputación de Lugo, destinado a achegar formación e asesoramento continuo aos concellos da provincia en materia TIC (eAdministración), comeza oficialmente a súa andaina. Segundo informou o organismo provincial, 57 traballadores darán formación e asesoramento especializado nos 48 Concellos que decidiron adherirse á iniciativa, segundo recalca a Deputación “Gobernos locais de todas as cores políticas”. O servizo, que como dixemos comeza a desenvolverse hoxe mesmo, xorde do obxectivo da Deputación de “responder ás propias demandas dos Concellos”, que queren seguir afondando nos coñecementos adquiridos en Administración Electrónica na primeira fase do proxecto.
A segunda fase de InnovaTE, que conta con cinco técnicos máis que na fase primeira, non só se pon a disposición dos Gobernos locais, senón que tamén fornecerá actividades dirixidas aos veciños en xeral. A finalidade, engade o organismo responsábel, é potenciar o uso das novas tecnoloxías “e amosar aos lucenses de todas as idades como aproveitar ao máximo todas as posibilidades que as TIC ofrecen a nivel persoal e laboral”. Os devanditos 57 dinamizadores estenderán a súa actividade até o mes de marzo, desenvolvendo accións como un plan de formación de 576 cursos (12 por Concello) para os empregados municipais sobre temas como os trámites electrónicos, antivirus, ferramentas web, xestión de portais web, formación xurídica relacionada coas TIC ou posta en marcha de sedes electrónicas.
Os dinamizadores tamén achegarán colaboración directa aos Concellos para resolver posíbeis incidencias nos equipos informáticos ou da rede. Igualmente, organizarán xornadas divulgativas e de sensibilización, “que chegarán a unhas 5.000 persoas e abordarán cuestións como o uso da eAdministración, o comercio a través da Internet ou a navegación segura pola Rede”, salienta a Deputación.
Rexístrate como: