Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Peek Retina

Peek Retina, unha innovación para os oftalmólogos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/12/14 (09:30)

A tecnoloxía está a cambia-las nosas vidas en tódolos aspectos, pero ás veces hai ocasións nas que non somos conscientes de como algo tan normal a día de hoxe como un teléfono móbil pode converterse nunha ferramenta realmente imprescindible. E é que ademais de porte en contacto ao instante con calquera dos teus amigos ou de localiza-lo restaurante máis próximo, estes dispositivos poderían converterse en instrumentos vitais para accións humanitarias como as que propón Peek Retina.

Peek Retina é un proxecto que busca financiamento en IndieGogo e cuxa finalidade non é outra que a de ofrecer soporte oftalmolóxico en zonas principalmente subdesenvolvidas. O seu funcionamento baséase nunha carcasa impresa en 3D que axustaremos ao teléfono do oftalmólogo e que coa axuda dunha aplicación especialmente desenvolvida para a ocasión, permitirá fotografar e gravar en vídeo o interior da retina para o seu posterior diagnóstico. Ademais, a aplicación incorpora unha serie de ferramentas coas que realizar probas de agudeza visual ao paciente, como recoñecer caracteres, sinais, etc., polo que estarían a levar unha sala de probas no peto.

O potencial da idea está centrado basicamente na facilidade de transporte e implementación, xa que a diferenza dos métodos tradicionais que requiren transportar equipamento pesado a zonas de difícil acceso (ademais de electricidade por medio de xeradores), Peek Retina só necesitaría un teléfono móbil para funcionar, e mesmo a batería deste podería recargarse con mochilas con cargadores solares. Por agora o proxecto segue buscando o financiamento necesario para consegui-lo seu labor, e a falta de 39 días, xa levan algo máis da metade das 70.000 libras que necesitan para inicia-lo proxecto. Esperemos que o consigan.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal