Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cranio impreso en 3D

Investigadores apostan pola impresión 3D para os transplantes de cara

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/12/14 (09:08)

Investigadores están a utiliza-la topografía computarizada (TC) e a tecnoloxía de impresión en 3-D para recrear modelos a tamaño natural das cabezas dos pacientes co fin de axudar na cirurxía de transplante de cara.

Médicos do Hospital Brigham e de Mulleres de Boston, en Estados Unidos, realizaron o primeiro transplante de rostro completo do país en 2011 e posteriormente, completaron catro transplantes de cara adicionais. O procedemento realízase en persoas que perderon parte ou a totalidade da súa cara como resultado dunha lesión ou enfermidade.

No estudo, un equipo de investigación dirixido por Frank J. Rybicki, radiólogo e director do Laboratorio de Ciencia de Aplicación de Imaxes do Hospital; Bohdan Pomahac, cirurxián de transplantes de cara, e Amir Imanzadeh, investigador, avaliou o impacto clínico da utilización de modelos impresos en 3-D da cabeza do receptor á hora de planificar a cirurxía de transplante de face.

"Trátase dunha cirurxía complexa e o seu éxito depende da planificación cirúrxica, detalla o doutor Rybicki. O noso estudo demostrou que se se utiliza este modelo, non hai mellor maneira de planifica-lo procedemento".

Cada un dos receptores de transplante someteuse a TC preoperatoria con visualización en 3-D. Para construír cada modelo do cranio a tamaño natural, segmentáronse as imaxes de TC da cabeza do receptor do transplante e tratáronse mediante o uso de software a medida, creando arquivos de datos especializados que se introduciron nunha impresora 3-D.

"Nalgúns pacientes, temos que modifica-los ósos faciais do receptor antes do transplante, relata o doutor Imanzadeh. O modelo de impresión en 3-D axúdanos a prepara-las estruturas faciais, así que cando se produce o transplante real, a cirurxía é máis fluída".

Aínda que todo o procedemento de transplante dura até 25 horas, as conexións vasculares da cara doante ao receptor normalmente tardan aproximadamente unha hora, tempo durante o cal o fluxo do sangue do paciente debe deterse.

"Se hai ausencia ou desaparición das estruturas óseas necesarias para a reconstrución, podemos facer modificacións baseándonos no modelo impreso en 3-D antes do transplante real en lugar de facer arranxos durante o tempo da isquemia", expón Rybicki.

"O modelo 3-D é importante para face-lo transplante esteticamente atractivo", engade. Os investigadores resaltan que tamén empregan os modelos na sala de operacións para aumenta-la comprensión dos cirurxiáns da anatomía da cara do beneficiario durante o procedemento.

"Pódense virar, mover e desprazar tantas imaxes de TC como se queira pero non hai nada que substitúa a ter o obxecto real na man", di Rybicki, quen agrega que a capacidade de traballar co modelo proporciona "un nivel sen precedentes de tranquilidade e confianza no procedemento".
 

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal