Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pulseira Arki

Arki, a pulseira intelixente que coida as túas costas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/12/14 (08:57)

Arki podería considerarse o wearable que coida as túas costas mentres estás a camiñar e a característica sería suficiente para diferenciarse doutras pulseiras intelixentes. Como era de esperar nun terreo como o da tecnoloxía, no cal cada vez que sae un produto tenta integrar algún aspecto mellor que os da competencia, Zikto, o equipo surcoreano que está detrás do produto, quixo innovar a través dun dispositivo poñible que fai máis que contar pasos.

A pulseira céntrase en corrixir e aconsellar sobre un erro que moitos de nós facemos involuntariamente cada día cando camiñamos. Este é inclinar as costas cando consultamo-lo noso smartphone, cargamos un peso como unha mochila ou un maletín, ou simplemente miramos para abaixo en lugar de centrar a mirada para adiante. Tódalas situacións implican ter unha mala posición do corpo, o que, a longo prazo, podería pasar factura á persoa.

Manter unha posición correcta, mesmo cun dispositivo intelixente na boneca que nos envía o feedback inmediato, é un obxectivo moi difícil de cumprir. Sempre haberá que contestar a un email urxente ou enviar unha mensaxe ao noso amigo cando camiñamos, esquecendo prestar atención ao noso corpo por un momento. Aínda así, o feito de poder ter información sobre este aspecto pode resultar interesante para o usuario.

Pero que é o que realmente pode facer Arki para mellorar a forma de andar das persoas? Tal como explican os seus creadores é unha pulseira cuantificadora que analiza o movemento e ofrece información sobre o equilibrio físico do corpo, en concreto a posición dos ombreiros, a cintura e a pelvis. Entre os patróns que mide atópanse a velocidade de xiro dos brazos, o ángulo de rotación respecto da gravidade ou a vibración transmitida desde os pés, entre outros máis.

Da análise corporal a unha solución biométrica

Arki tamén detecta os hábitos de camiñar da persoa, como pode ser consultar o móbil ou andar coas mans nos petos. En base ás medicións, a pulseira transmite sinais hápticas en tempo real cando detecta que a postura do corpo é incorrecta. A información xestiónase a través dunha aplicación adaptada tanto aos dispositivos Android como iOS.

Á parte das súas funcións de "adestrador" que indica a forma de andar adecuada, Zikto atopou outros usos do dispositivo. Igual que as demais pulseiras do mercado, Arki mide as calorías, conta os pasos e analiza os patróns de soño. Ademais diso, converte os patróns de movemento, únicos para cada persoa, nunha solución biométrica, permitindo ao usuario empregar o wearable como un sistema de autenticación para os seus dispositivos e desbloquealos sen necesidade de introducir algún contrasinal. Doutra banda, a nivel de deseño poderase elixir entre unha gran variedade de correas intercambiables para ir variando de estilo.

A compañía pensa que podería ter preparado o produto para realiza-los primeiros envíos o mes de abril do 2015. De momento seguirá recibindo por un tempo máis o apoio dos interesados nunha campaña de Kickstarter.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal