Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Interface de smartphone accesible

Primux Tech lanza unha aplicación de balde que simplifica os smartphones de cara ao seu uso nas persoas maiores

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/12/14 (08:33)

Primux Tech ten máis que novidades que contar de cara a este Nadal que se achega, logo da presentación en sociedade da súa tableta Siroco X. Pois ben, agora a empresa galega vén de anunciar o lanzamento dunha aplicación móbil desenvolvida integramente por ela mesma e que ten a capacidade de crear unha interface nos smartphones que os converte, de xeito automático, en accesibles para as persoas de idade. Segundo reflicten fontes da Tecnópole, a ferramenta estará dispoñible a finais deste mes de decembro. O seu deseño está a ser perfeccionado no departamento de I+D+i da compañía, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole.

A aplicación, engaden fontes do complexo empresarial galego, poderase descargar sen custo en calquera móbil co sistema operativo Android. Entre as principais características que pon en xogo atópanse as seguintes: adapta o entorno gráfico dos teléfonos intelixentes e engade novas funcionalidades orientadas ao devandito público non moi familiarizado co uso dos novos aparellos de última xeración.

A ferramenta, sinalan os responsables de Primux, tivo o seu xermolo na “propia experiencia da empresa fabricante de tabletas e smartphones cos seus clientes de idade avanzada”. Persoas que cando queren mercar un móbil, explica Primux, atópanse con teléfonos con grandes prestacións pero moi complexos de manexar, ou con teléfonos demasiado básicos cun deseño desfasado”.

Este interese amosado polos usuarios de idade foi, polo tanto, a orixe do software. Na súa realización participou un equipo de preto de 40 persoas, sendo en si mesmo un modelo de simplificación das funcións dos terminais intelixentes “sen afectar isto ás súas prestacións avanzadas”. En virtude da aplicación, sinala Primux, “as persoas maiores poden manexar un terminal táctil, sen renunciar a facer e almacenar fotos e música, a través de botóns de acceso máis grandes e opcións de navegación máis sinxelas”. E engade: “Grazas a esta aplicación, o manexo do teléfono será moito máis intuitivo, deixando nun segundo plano as opcións de software de uso secundario”. A aplicación, que foi bautizada co nome Help Launcher, poderá descargarse de balde desde finais deste mes de decembro na PlayStore, o mercado de aplicacións para teléfonos Android.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal