O Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid realizou con éxito o pasado 22 de outubro unha operación planificada con impresión 3D, a primeira levada a cabo en Castela e León. Trátase dunha técnica nova con escasos precedentes na sanidade pública española que permite abordar con antelación o escenario da intervención, xa que o cirurxián conta cunha réplica exacta da peza sobre a que vai traballar, o que posibilita unha simulación real e conséguese unha cirurxía máis precisa e segura.
O xefe do Servizo de Traumatología do Hospital Universitario Río Hortega, Manuel García Alonso, e o conselleiro de Sanidade, Antonio María Sáez Augado, presentaron esta operación, en concreto, unha intervención cirúrxica dunha prótese de cadeira nunha paciente con displasia.
Como detallaron, a impresión 3D é un proceso que permite crear obxectos tridimensionais sólidos a partir de imaxes tratadas cun programa informático específico. A partir das imaxes dun TAC en 3D ou dunha Resonancia Magnética Nuclear do paciente, realízase un modelo anatómico tridimensional que é unha réplica exacta, personalizada, do óso ou a articulación que se vai a intervir. Isto permite planifica-la intervención, ao poder ter o cirurxián nas súas mans o óso sobre o que vai actuar, coñecendo toda a volumetría da peza. Dita técnica posibilita ensaiar nunha contorna de simulación real a técnica a aplicar, permitindo unha cirurxía máis precisa e evitando a improvisación.
As vantaxes desta técnica son, pois, "a posibilidade de planificar e optimiza-los recursos materiais que se utilizan na propia intervención e acurta-lo tempo de duración da operación cos consecuentes beneficios para o paciente como son un menor tempo de anestesia e menos probabilidade de infección e sangrado favorecendo unha diminución no tempo de recuperación dos pacientes". No caso da paciente intervida, a cirurxía transcorreu sen incidencias e comezou a camiñar ás 48 horas. Trátase dunha primeira e única operación, polo que os resultados "aínda non poden ser concluíntes".
"É necesario dispor de máis casos e determinar que patoloxía e casos específicos poden verse beneficiados con esta técnica, de tal modo que se está estudando a súa aplicación en fracturas abertas de pelvis, patoloxía tumoral e escoliosis", explican desde a Consellería de Sanidade, xa que en todas estas cirurxías "pódense moldear de antemán coa réplica as placas de forma exacta e a súa posterior esterilización?.
Primeiro esternón fabricado con impresora 3D
Doutra banda, a impresión en 3D destes materiais permitirá a súa aplicación directa na cirurxía complexa. De feito, un equipo do servizo de Cirurxía Torácica do Complexo Asistencial de Salamanca implantou con éxito o primeiro esternón fabricado nunha impresora en 3D de España. O protagonista foi un home de 50 anos que, por mor dun tumor, tiña danada esa zona e necesitaba unha prótese para substituír a peza afectada pola tumoración. Neste sentido, non hai constancia en ningunha publicación científica de que se practicou en España unha cirurxía de esternón con estas características de impresión en tres dimensións.
A bioimpresión permitirá no futuro inmediato mellorar en diversas intervencións cirúrxicas complexas en termos de rapidez, seguridade, precisión e redución de complicacións. En definitiva, unha mediciña personalizada deseñada para cada paciente cuxo avance facilitará a elaboración de bioprótesis adaptadas ás características persoais dos pacientes. Un futuro prometedor no que en Castela e León comeza a da-los primeiros pasos.
Rexístrate como: