De "xoias" wearable xa se falou. É o que fai falta para que algúns comecen a pensarse o de cuantificar algún aspecto das súas vidas: que os fabricantes se tomen un pouco máis en serio a moda e o aspecto dos gadgets que pretenden que luzamos.
Así que, se eses fabricantes son un pouco agudos, aos poucos iremos vendo máis ideas como a que vos propomos hoxe, unha curiosa idea da firma Moodmetric que, por non ter, non ten nin nome aínda.
En Moodmetric, o que nos ofrecen é, de novo, un anel, que xa sexa máis ou menos valioso, máis ou menos xoia, polo menos tómase en serio o de parecelo. Pero o que en realidade pretende non é só que te vexas ben con el na man, senón que saibas en todo momento como andas de tensión, para que te poidas parar un pouco, tomar aire, e que trates de liberalo da forma que mellor che pareza de entre as que nos propoñan.
Para iso, esconde no seu interior os típicos sensores que todo wearable necesita, e que, neste caso fíxanse na pel para saber se estamos moi tensos, e cal é o noso estado de ánimo. Con estes datos, o anel de Moodmetric é capaz de trazar patróns sobre o noso día a día e saber cales son as nosas peores e mellores horas do día.
Todo iso, por suposto, vén acompañado por unha app que se instala no noso smartphone (ao que o anel se conecta por Bluetooth) e que vai rexistrando todas estas variables para acabarnos propondo exercicios para relaxarnos.
É xusto o que algunhas persoas necesitan para mante-lo equilibrio vital: que alguén lles lembre que hai que liberar tensións.
Como digo, este curioso gadget aínda non ten nome nin data exacta de lanzamento, aínda que verá a luz a principios do ano próximo, pero seguro que as mozas máis tensas do lugar non terán problema en esperar un pouco se o anel de Moodmetric cumpre co que promete.
Rexístrate como: