Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Codix

A Amtega publica en formatos abertos os materiais formativos para obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática

  • A publicación destes contidos permite achegar novas formas de formación á cidadanía e que outros centros ou entidades formativas os poidan empregar
  • O CODIX é unha certificación que acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia
  • Dende o pasado 30 de outubro xa se pode acceder ao programa de autoformación para adquirir estas competencias a través da plataforma EMA da rede CeMIT
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/12/14 (07:46)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar con licenza libre e en formatos abertos os materiais formativos que compoñen o programa de autoformación para obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática, CODIX, na súa modalidade de Software Libre, é dicir, baseándose no uso do sistema operativo GNU/Linux e a suite ofimática LibreOffice.

O CODIX é unha certificación que acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia. Pode obterse esta certificación mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou ben a través da acreditación de posuír outros títulos equivalentes.

Este programa pode seguirse na modalidade de autoformación a través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT co único requisito de ser usuario rexistrado maior de 16 anos.

As cinco unidades formativas publicadas son:

  • UF0319 - Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico.
  • UF0320 - Aplicacións informáticas de tratamento de textos: LibreOffice Writer
  • UF0321 - Aplicacións informáticas de follas de cálculo: LibreOffice Calc
  • UF0322 - Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: LibreOffice Base
  • UF0323 - Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información: LibreOffice Draw


Licenza Libre e formatos estándar abertos

Seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, os materiais publícanse con licenza libre e en formatos abertos.

Con esta publicación búscase incrementa-las posibilidades de autoformación por parte da cidadanía, e por outro lado promover e facilita-lo reaproveitamento dos materiais por parte de centros educativos ou formativos que teñan interese en ofrecer formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX.

Tódoslos materiais publícanse coa licenza CC-by-sa, co que calquera persoa é libre de descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais modificados o faga empregando a mesma licenza.

Os materiais están dispoñibles nos seguintes formatos:

  • elp: Formato editable do aplicativo de elaboración de materiais formativos, exelearning, que posibilita que calquera poida corrixir, modificar, ampliar, engadir exercicios, etc. aos materiais.
  • Scorm: Formato estándar para a súa reutilización en plataformas de teleformación.
  • pdf: O curso impreso en formato pdf para facilita-la súa visualización en calquera dispositivo que conte cun lector de pdf.
  • epub: Formato estándar para a súa lectura en dispositivos móbiles, e-readers, etc
  •  

Cómpre mencionar que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de permanecer conectado, pero obviamente coa contrapartida de perde-las posibilidades de visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

CODIX, autoformación e probas de avaliación

O pasado 13 de maio publicouse no DOG a orde que autoriza á Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) a ofrece-lo itinerario formativo do Plan Ofimático de Galicia así como a realiza-las probas de avaliación para a obtención do Codix.

O 25 de setembro, publicouse no DOG a primeira convocatoria para a obtención da certificación CODIX tralo seguimento do curso de formación na rede CeMIT. O éxito de acollida desta primeira convocatoria foi tal, que en 8 horas cubríronse as 360 prazas convocadas pola Amtega. As primeiras probas acreditativas para a obtención da certificación por parte da cidadanía realizaranse os próximos días 1 e 3 de decembro.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal