Aínda que polo momento o uso de Hyper é exclusivamente clínico, durante a presentación asistimos a unha demostración práctica do funcionamento do dispositivo. Miguel Anxo, con parálise nas extremidades inferiores, e que por tanto necesita dunha cadeira de rodas para desprazarse, enfundouse o exoesqueleto coa axuda dos técnicos e durante case 10 minutos percorreu unha das salas do Matadoiro coa única axuda de dúas muletas que lle axudaban a mante-lo equilibrio.
"O que buscamos cos robots vestibles é que as persoas sexan independentes, tanto as que teñen problemas nas extremidades superiores como as que os teñen nas inferiores", afirmou o profesor e coordinador do proxecto Hyper, Jose Luís Pons, quen ofreceu unha conferencia explicativa sobre o seu funcionamento e deseño.
Durante o seu relatorio, o investigador explicou as diferenzas e vantaxes que presenta fronte a exoesqueletos fabricados anteriormente noutros países. "O Hyper ten sensores que monitorizan ao paciente para poder avalia-la capacidade de recuperación das persoas e a eficacia e evolución que vai proporciona-lo robot. Estamos interesados nos cambios que se producen nas persoas mentres o levan posto". Grazas a estes sensores, os investigadores poden recoller información tanto das áreas motoras como das sensoriais. "Das primeiras interesa sabe-la actividade que ocorre no cerebro cando este ordena que se movan as pernas, da segunda, o proceso é o inverso, interesa saber que información chega ao cerebro unha vez que se moven as pernas do paciente."
Pero una das innovacións máis importantes que presenta fronte a modelos anteriores, é que este exoesqueleto é híbrido, o que quere dicir que non só funciona con motores. A prótese inclúe parches que aplican correntes eléctricas aos membros do paciente. Esas correntes activan os músculos e permiten aproveita-la forza para xerar movemento. Isto ademais de permitir movementos máis naturais nos pacientes, supón un aforro importante de enerxía que á súa vez se traduce nunha redución considerable do peso das baterías. "Cunha soa carga pode aguantar entre 4 e 5 horas en funcionamento, o que suporía dar unhas 9 sesións de rehabilitación."
Fronte á terapia robótica convencional, na que os robots mobilizan os membros do paciente sen que eles teñan a vontade de facelo, o Hyper "necesita que exista iniciativa por parte do paciente. É necesario que o seu cerebro dea a orde de camiñar ou de mover certo membro para que o dispositivo lle axude. Sen esa orde o dispositivo non se pon en funcionamento. As terapias convencionais tamén son positivas porque melloran a musculatura e potencian a frecuencia cardíaca, pero non axudan a que o paciente volva camiñar como no caso do Hyper", concluíu Pons.
Rexístrate como: