Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Nena mostrando unha tablet

Smartick e o reto de que os nenos amen (e aprendan) as matemáticas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 26/11/14 (09:12)

Aprender xogando é unha receita que adoita funcionar para pequenos e novos (e non tan novos), e esa é a base de Smartick. Javier Arroyo Crejo e Daniel González de Vega -dous andaluces sen nada de acento, confésanos Arroyo- puxeron en marcha o proxecto en 2009, e cinco anos e medio despois (levan tres ofrecéndoo comercialmente) destacáronnos que este método online para aprendizaxe de matemáticas para nenos de 4 a 14 anos funciona.

De feito, ese era tan só un dos obxectivos destes dous emprendedores: o de mellora-lo rendemento dos nenos españois en matemáticas para mellorar nos informes PISA -as probas de nivel que se fan a nivel internacional-, e utilizar esta ferramenta non só para fortalecer esa área, senón tamén a comprensión lectora necesaria para solucionar diversos problemas matemáticos. Smartick mellora o rendemento en matemáticas, si, pero a súa ambición vai moito máis alá. A idea é ensinar aos nenos a pensar.

 

As matemáticas tamén poden ser divertidas
Hai tempo que comprobamos como o concepto de gamificación ou ludificación é un apoio importante para todo tipo de escenarios, e a aprendizaxe é un deles. Demóstrao o proxecto Duolingo que ensina idiomas, e desde hai tempo tamén o fan outras iniciativas como Smartick, que segundo os seus creadores é un servizo único a nivel mundial.

Por que? Iso é precisamente o que nos explicaba Javier Arroyo, un dos fundadores do proxecto, que destacaba os seus dous alicerces diferenciais. Por unha banda a adaptabilidade, xa que o sistema fai uso dun algoritmo que se vai pulindo constantemente e que fai que o neno siga ao seu propio ritmo, o máis adecuado para el. O segundo, que se trata dun produto que traballa a lóxica e o razoamento. Non hai segundo Arroyo outros servizos similares, xa que algúns métodos de aprendizaxe simplemente se limitan a reforza-lo cálculo mental, pero "ningún recolle no seu plan de estudos que o neno aprenda a pensar".

Neste punto preguntabámoslle a Javier Arroyo pola relación deste programa cos plans de estudo oficiais. Como nos comentaba, en Smartick cóbrese o plan de estudos enteiro, pero coidado, non é un libro dixital que simplemente vai cubrindo o mesmo temario: "o neno avanza dependendo da súa capacidade e o seu ritmo". Segundo os seus propios estudos, hai un desfasamento curricular entre o peor e o mellor alumno da clase que pode chegar aos dous anos. "Non podo asumir que porque un neno teña 8 anos ten que saber algo [establecido no plan de estudos oficial] cando ten capacidade para máis", destacaba o co-fundador deste proxecto.

O obxectivo de Smartick é sinxelo: facer que as matemáticas se convertan en algo divertido grazas a un método de aprendizaxe no que os alumnos se enfrontan a diversos retos e gañan puntos (ticks) segundo a súa resolución dos mesmos. Ese reforzo positivo acaba converténdose nun xogo en si mesmo, xa que os alumnos poden comprar obxectos virtuais na tenda integrada no servizo, e hai ademais outros xogos e pasatempos que axudan ao alumno a desenvolver competencias cognitivas básicas -memoria de traballo, capacidade de atención, visión espacial- de forma paralela.

O funcionamento do servizo iníciase cun cuestionario no que introducimos (ou o neno introduce, se xa é capaz diso)/diso) algúns datos e a súa idade, e no que se expoñen algúns problemas preliminares para situar o nivel dese alumno. A partir dese momento o algoritmo de Smartick colleita variables diversas como o tempo que tarda en responder ese alumno/a ou onde se producen os fallos e acertos. Iso permite que os exercicios xerados a partir de aí fagan fincapé nas áreas nas que máis flouxean os alumnos.

Como nos comentaba Javier Arroyo, esa filosofía do reforzo positivo funciona, e de feito faio cada vez máis. Tanto é así que reforzaron ese apartado no seu algoritmo e por exemplo implementaron hai tempo a novidade da barra de enerxía que aparece durante as sesións. Esa barra de enerxía sobe ou baixa segundo o rendemento do alumno, e só con ese compoñente os nenos melloraron un 30% de capacidade de concentración (mellores tempos de resposta) xa que a través desa introdución da gamificación queren superarse a si mesmos continuamente.

 


As matemáticas son a elección perfecta
As sesións son de tan só 15 minutos, o tempo que se estima que un neno pode dedicar toda a súa atención a unha soa tarefa, e tras eses exercicios o programa adáptase unha e outra vez ao neno para que eses exercicios plantexen novos retos ou reforcen conceptos que polos resultados ao alumno parecen custarlle máis. Tras cada sesión recibimos un correo electrónico co resumo da actividade, de forma que o seguimento de todo este plan formativo está tamén ao noso alcance sen necesidade de que obrigatoriamente esteamos presentes en cada unha das sesións que realizan os nosos fillos.

A elección das matemáticas para este método de aprendizaxe ten tamén a súa razón de ser: "para que un neno teña éxito garantido en secundaria", explicábanos Arroyo, "ten que entende-las matemáticas e a comprensión lectora. Con Smartick conséguense as dúas". Este emprendedor diferenciaba este método da aprendizaxe tradicional no colexio ou do doutros métodos de aprendizaxe de cálculo matemático puro: poida que o alumno saiba resolver ben as operacións con varios díxitos, pero o realmente importante é ter claro de onde saen os números e as cifras que vai utilizar nas operacións. Como el dicía, "Non basta con saber facer o cálculo, tes que saber que problema estás a resolver".

Arroyo tamén facía fincapé nese obxectivo primordial de Smartick de "Saca-lo máximo potencial de cada neno". Neste aspecto aclaraba que o colexio e a clase tradicional funciona cun ritmo medio que satisfai aos alumnos que están nese ritmo medio. Con todo, "os que están por encima non sacan o seu potencial, e os que están por baixo frústranse, algo que pode levar ao fracaso escolar". É máis: mentres que noutras materias como Lingua, Historia ou Coñecemento do Medio a aprendizaxe é máis ou menos independente de curso en curso, en matemáticas a aprendizaxe "vaise construíndo sobre o coñecemento anterior": se existen lagoas que non resolvemos en cursos anteriores, ao alumno custaralle moito reengancharse ao ritmo do seu curso actual.

O prezo de Smartick varía segundo o número de nenos que apuntemos: custaranos 28,5 euros ao mes (para subscrición anual) para un neno, e 19,9 euros ao mes por alumno (de novo, contratando todo un ano) se contratamos o curso para 3 ou máis alumnos. Os responsables do servizo, ofrecen ademais prezos especiais para centros educativos e colexios. Antes de tomar esa decisión, no entanto, poderemos probar o servizo durante 15 días de forma gratuíta, e como nos comentaba Javier Arroyo, é importante recalcar que detrás de Smartick hai un equipo pedagóxico co que os pais e profesores que realizan o seguimento dos nenos poden contactar en calquera momento para resolver dúbidas.

 


O método funciona
Os resultados obtidos polos alumnos de Smartick parecen desde logo prometedores. Arroyo comentábanos como en tres colexios públicos da Comunidade de Madrid nos que se avaliaron os resultados das probas CDI e LEA a mellora é consistente: a nota mellora nun 35% respecto das clases que non aproveitaron esta ferramenta anos anteriores.

Smartick non só permite que os alumnos melloren as súas notas en matemáticas e tamén gañen en áreas como a comprensión lectora: axuda a que aqueles que estaban atrasados na materia logren reengancharse ao nivel da clase, pero ademais pode facer que un alumno incluso vaia por diante dese nivel do colexio. Iso expúñanos unha dúbida: Ir adiantado podería ser contraproducente facendo que o alumno acabase aburríndose en clase?

Arroyo explicábanos que lles fan moito esa pregunta, e tiña dous argumentos para defender esa situación. Como nos dicía, "preocuparíame moito máis saber que o meu fillo ten capacidade para máis e por culpa do nivel medio de clase estean a limitarlle a súa capacidade polo grupo". De feito, comentábanos, nese tipo de situacións sempre pode haber un diálogo co profesor, que pode facer un seguimento do mesmo xeito que o fai con alumnos que quizais están a ter máis dificultades coa materia. En segundo, este emprendedor comentábanos o irónico desta situación en relación, por exemplo á aprendizaxe do inglés: a importancia que lle damos ao idioma faría que moitos pais non estivesen preocupados se os seus fillos van moi adiantados neste idioma respecto da clase.

 

Smartick: situación e retos de futuro
O co-fundador de Smartick explicábanos como nestes 3 anos de comercialización do proxecto "o crecemento foi moi bo", aínda que iso si, recalcaba que é especialmente destacable entre os pais, mentres que a súa utilización por parte de colexios "está a ser algo máis lenta". O servizo conta xa con máis de 10.000 alumnos en máis de 35 países, e o proxecto recibiu varios premios nacionais e internacionais: a UE seleccionouno como unha das 30 iniciativas máis innovadoras de Europa en 2014 no chamado Programa Horizonte 2020, por exemplo.

O traballo na plataforma é constante, e como nos comentaba Arroyo cada 4 ou 6 semanas aparece unha nova versión (por suposto, o usuario non adoita notar nada a non ser que haxa algún cambio visual) na que se pulen erros da anterior, cóbrense ou reforzan áreas desa aprendizaxe como a xeometría ou a álxebra, ou se introducen melloras nese uso da gamificación -como a citada barra de enerxía-. Tampouco hai que esquecer unha canle en YouTube con decenas de vídeos nos que se explican todo tipo de conceptos básicos de matemáticas, pero aínda hai máis.

De feito, están a traballar xa en áreas paralelas a Smartick Matemáticas. Por exemplo, hai un plan de estudos para nenos con TDAH (Trastorno por déficit de atención con hiperactividade) e plans para nenos con alta capacidade, pero ademais aos poucos están a desenvolver servizos paralelos como Smartick Brain, unha iniciativa de Smartick coa Universidade de Granada que ofrece un programa de adestramento cerebral cognitivo.

Como nos explicaba Arroyo, nos últimos tempos descubriuse o concepto de neuroplasticidade: o cerebro ten a capacidade de desenvolver novas conexións, e por exemplo na infancia hai procesos crave para o desenvolvemento da intelixencia. Eses procesos cognitivos básicos (memoria, atención, razoamento) pódense potenciar e iso ten un impacto grande na túa intelixencia, capacidade de atención e expresión, etc. Este produto está de feito conectado con Smartick Matemáticas de forma que un alumno que realice ámbalas actividades vexa os "itinerarios" afectados non só polo seu rendemento nun deles, senón que a súa capacidade en Smartick Matemáticas inflúe nos exercicios e xogos de Smartick Brain, e viceversa.

Para 2015 en Smartick preparan cambios importantes no que se refire á súa expansión internacional. Arroyo confesábanos que hoxe en día teñen máis visitas novas ao sitio web oficial desde Latinoamérica e de EEUU que de España, e iso sen centrar o labor comercial alí. Tal é o interese nese mercado que en dous meses Smartick Matemáticas aparecerá en versión latinoamericana, mentres que a tradución en inglés xa se está fraguando e tamén aparecerá durante os próximos meses para ese asalto ao mercado norteamericano.

Tema: Xeral
Fonte: Xataka
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal