Pregunta.- Numerosos estudos sinalan a importancia das TIC no campo do envellecemento. O seu papel está a adquirir relevancia na calidade de vida dos maiores. Que novidades hai ao redor da adecuación de espazos e a mobilidade dos maiores no fogar?
Resposta.- En España temos case 26 millóns de vivendas nas que preto de 14 millóns teñen máis de 30 anos e seis millóns (o 21%) teñen máis de 50 anos. O mercado de aluguer é moi débil, representando un 17%, e en Europa, o 38%. O 90,1% dos casos teñen a vivenda en propiedade e calcúlase que hai dous millóns de vivendas en mal estado de conservación, sendo o gasto fundamental o mantemento da propia vivenda (auga, electricidade, e outros gastos) e rolda o 40% dos gastos. En xeral, os maiores invisten pouco diñeiro en implementacións TIC no fogar.
Dos 10,7 millóns de edificios de catro ou máis plantas, catro millóns aínda non teñen ascensor, nin salvaescaleiras, nin ramplas que faciliten o acceso. As intervencións no fogar están moi limitadas e condicionadas polo espazo existente. A utilización de elementos mecánicos e implementacións tecnolóxicas poden mellorar moito a mobilidade e seguridade dos usuarios no seu interior, sen necesitar dunha intervención sobre a infraestrutura. Ante a imposibilidade de habilitar espazos de aproximación aos puntos de manipulación, a automatización de portas, xanelas ou persianas poden ser unha alternativa, aínda que as instalacións existentes non adoitan estar en condicións de permitir aumenta-lo número de dispositivos que teñen que alimentar e requiren por iso, dunha rehabilitación previa da instalación existente.
Aínda que as tecnoloxías inalámbricas, que mesmo non necesitan alimentación eléctrica (sistema "EnOcean", por exemplo), e que cada vez son máis abundantes, permiten dotar aos espazos de novas instalacións de forma rápida e sen necesidade de obras ou cableado, ofrecendo gran versatilidade ás solucións e cunha máis fácil implantación.
Observouse nos últimos anos un incremento dos fogares unipersoais en persoas de 65 e máis anos, aínda que as proporcións son máis baixas que noutros países europeos (429.700 en homes e 1.279.485 en mulleres). A maior idade aumenta a probabilidade de vivir en soidade. Os fogares en parella descenden notablemente por mortalidade dun dos cónxuxes e pasan a engrosa-los unipersoais ou os multixeneracionais, de forma que gran número de persoas maiores permanecen e utilizan as vivendas cando están soas, existe unha gran preocupación pola seguridade das mesmas ante posibles accidentes domésticos ou alertas médicas. Esta preocupación tentouse paliar mediante a utilización das TIC que permitan conectar á persoa ou á vivenda co exterior podendo estar sempre monitorizados ou con posibilidade de lanzar unha alarma.
O incremento da formación das xeracións de mozos levará a que, no futuro, os colectivos que alcancen a vellez, terán maior nivel de coñecementos, polo que terán máis recursos para interactuar con desenvolvementos tecnolóxicos que lles dean maior autonomía e seguridade e así lles permita continuar na súa vivenda actual durante máis tempo, se é iso o que desexan. O cambio de residencia en persoas de idades avanzadas pode producir desorientación e dependencia á hora de levar unha vida autónoma.
Actualmente, entre os maiores aínda quedan importantes bolsas de analfabetismo e poboación sen estudos. Obsérvase un menor uso das tecnoloxías da información e a comunicación no grupo de idade que engloba ás persoas de 65 a 74 anos, marcándose unha fenda dixital respecto da poboación máis nova, esta circunstancia, xunto coa deterioración cognitiva de moitas persoas maiores fai que a utilización de TIC teña que ser tutorizada ou se realice sen coñecemento do usuario, sendo outra persoa da súa contorna a encargada de realizar estas implementacións no seu fogar. As actuacións proactivas, sen necesidade de intervención por parte do usuario coa análise de hábitos con capacidade preventiva é unha forma de tecnoloxía que pode manter intactas a privacidade e autonomía.
Actualmente existen un gran número de solucións tanto de domótica ou control de contorna, como de servizos electrónicos, que facilitan a vida ás persoas maiores. Débese distinguir sempre entre aquelas tecnoloxías pensadas para que o usuario as manipule conscientemente e aquelas que funcionan de forma independente ao usuario, xa que cada unha delas precisa de moi diferentes requisitos.
P.- O turismo senior é unha característica específica do envellecemento activo polo que as cidades amigables cobran cada vez unha maior importancia. Neste sentido, cales foron os terreos que conquistaron as cidades españolas?
R.- Desde o urbanismo ao lecer, o actual reto é crear unha sociedade inclusiva na que os maiores sexan protagonistas dunha contorna cada vez máis saudable e accesible que promova un envellecemento cada vez máis activo.
Coa vista posta en abordar de forma integral as necesidades dos maiores e tendo en conta as súas opinións para deseñar estas cidades amigables, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) sumouse en 2012 á Organización Mundial da Saúde (OMS) para impulsar e coordinar a creación dunha Rede Española de Cidades Amigables coas Persoas Maiores, á que até agora se sumaron máis de 30 municipios españois.
Na Rede é fundamental a implicación para que as demandas da poboación cheguen aos responsables e se poidan afronta-las melloras, de forma que se logre facer dos municipios lugares máis humanos e habitables. A participación dos maiores é un dos eixos fundamentais deste programa. Incluír as súas opinións, os seus puntos de vista, pero sobre todo ter en conta as súas necesidades, á hora de avanzar na cidade do futuro. Precisamente a riqueza do proxecto é que se está desenvolvendo coa colaboración das persoas maiores nas oito áreas de traballo que aborda o programa (que van dende o transporte á vivenda, pasando pola comunicación e a información ou o apoio da comunidade, os servizos sociais e a saúde), que son as que están a achegar as claves principais para mellorar a sociedade no seu conxunto e facer das cidades mellores contornas nos que cumprir anos.
Neste sentido, cada vez máis municipios españois están a tomar conciencia das necesidades do colectivo de maiores, considerándoos coma un recurso e non coma un problema. Pódense destacar intervencións como a de Santander que se apoia en sistemas de participación cidadá, utilizando aos usuarios como subministradores de información, así baixo o epígrafe "O pulso da cidade" tenta recoller todos aqueles eventos detectados polos usuarios da cidade co fin de mellora-la calidade do espazo e os servizos da cidade.
P.- Dende a perspectiva dos maiores, en que aspectos debe mellorar a accesibilidade das cidades?
R.- Baseada nos resultados da consulta realizada baixo o proxecto de Cidades Amigables cos Maiores da OMS en 33 cidades de 22 países, elaborouse unha lista de ítems dos aspectos esenciais das cidades amigables cos maiores que serven como ferramenta de avaliación e que recollen aspectos sobre os que existe un especial interese, por exemplo, a sensación que achega a cidade en canto á súa facilidade de ser usada, se é un lugar agradable, cun bo mantemento, limpo, seguro, con pasos de peóns sinalizados con dispositivos que permitan un cruzamento seguro, con tempo suficiente e que garantan a continuidade dos percorridos. É dicir, os referidos á calidade dos espazos; a dispoñibilidade de elementos e instalacións dedicados ou pensados para o colectivo de persoas maiores; ou a dispoñibilidade de medios de transporte adecuados ás distintas capacidades da poboación, accesibles tanto física como economicamente; entre moitos outros.
P.- Os dispositivos son cada vez máis pequenos, manexables e potentes (smartphones) e as comunicacións teñen unha maior fiabilidade, seguridade, alcance e prestacións (wifi, bluetooth, zigbee, etcétera). Como podemos facilita-lo acceso dos maiores a este TIC cada ano máis complexas?
R.- O mercado das aplicacións para fogares intelixentes (relacionada coa idade, a asistencia en compras, mobilidade independente, etcétera) crese que se triplicará entre 2005 e 2020, de 13 millóns de persoas até os 37 millóns.
O teléfono intelixente e as tabletas mostráronse como ferramentas moi próximas e aceptadas polo colectivo de persoas maiores, triplicándose o uso de Internet desde 2006 entre os maiores de 60 anos segundo a Comisión Económica das Nacións Unidas (2013). En España, preto do 93% das persoas maiores de entre 56 e 65 anos usa o teléfono móbil, e o 90% entre os 66 e os 70 anos, así pois calquera aplicación enfocada cara a este colectivo, debe ter en conta no seu deseño as súas necesidades, para ser unha ferramenta útil e económica. Na páxina do Ceapat está dispoñible un documento no que se recollen as características de accesibilidade das aplicacións: é fundamental pensar na accesibilidade desde o inicio do deseño e implementar as app coa posibilidade de personalización. A innovación para o envellecemento da poboación, implica abarcar persoas con diferentes idades, sexo, orixe étnica e xeográfica, nivel de educación, antecedentes sociais e culturais, nivel de ingresos, cunha ampla variación de capacidades cognitivas e físicas, con diferentes enfoques e familiaridade á tecnoloxía. As TIC deben tentar de favorece-la realización autónoma das actividades da vida diaria, ás veces son pequenas solucións e outras, grandes axudas.
En canto ás tablets, estas solucionan os problemas que presentan os computadores e reducen o "medo" a utilizalos. Son portátiles, con pantalla táctil moito máis intuitiva e fácil de utilizar que o rato ou o teclado, de forma máis interactiva; o seu tamaño, peso e aspecto fanos máis manexables.
Así mesmo, o uso da tecnoloxía por parte dos maiores mellora a comunicación e a relación intergeneracional, facilita a actividade e o benestar psicolóxico, fomentando a creatividade e o exercicio da mente, ademais de favorecer a adaptación ás súas condicións de vida.
Existen iniciativas, como a plataforma web de acceso e axuda para realizar xestións electrónicas coas administracións públicas que puxo en funcionamento Aspaym, que achega a linguaxe da administración á xente e que xorde como resultado dun proxecto do subprograma de Cidadanía Dixital do Plan Avanza 2.
P.- Que políticas están a incentivar o uso das TIC nos maiores en España? E en Europa?
R.- A Comisión Europea está a organizar o evento "Crecemento da Economía Silver en Europa" para discutir como mellorar o crecemento a gran escala en Europa da economía baseada nas persoas maiores. A UE xa puxo en marcha unha serie de medidas para estimular este mercado e para axudar á industria europea (e a Peme en particular). Estas inclúen o programa de investigación e desenvolvemento "Vida cotiá asistida e activa", emprendido conxuntamente por varios Estados membros, o Plan de Acción da Sanidade Electrónica, a Cooperación de Innovación Europea sobre Envellecemento Activo e Saudable, así como partes e prioridades políticas da Estratexia Europa 2020 dedicadas ao envellecemento activo, vida autónoma e asistida que pretenden promove-la investigación e innovación multidisciplinaria combinando ciencias do comportamento, socioeconómicas, xerontoloxía, ciencia dixital e doutro tipo para obter solucións rendibles e sinxelas que permitan a unha poboación que envellece e ás persoas con discapacidade, unha vida cotiá activa, autónoma e asistida. Para iso requírese contar non só coa participación da industria e a peme, senón tamén coa política, a investigación, os profesionais, os provedores de servizos e os consumidores facendo un chamamento a unirse e compartir os seus puntos de vista sobre o que se necesita para facer de Europa, o líder mundial na "Economía Silver".
Tamén se propuxo unha consulta sobre "Horizonte 2020: Ciencia con e para o Programa de Traballo 2016-2017 da Sociedade" no que tódolos cidadáns e as organizacións están convidados a contribuír. O obxectivo desta consulta é obter opinións e contribucións dun amplo grupo sobre as posibles prioridades para a "Ciencia con e para a Sociedade" para parte do programa de traballo que abarca o período 2016-2017, e puidéronse realizar achegas até o 12 de outubro para construír unha cooperación eficaz entre a ciencia e a sociedade; para recrutar novos talentos para a ciencia; e para emparella-la excelencia científica coa conciencia social e a responsabilidade.
Rexístrate como: