Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mapa cerebral

Substitúe o Red Bull por unha descarga eléctrica dende o teu 'smartphone'

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/11/14 (09:46)

A principios do ano que vén deberías poder comprar un pequeno dispositivo que usa electricidade para cambia-lo teu estado de ánimo apertando un botón no teu smartphone. Agora mesmo o dispositivo, creado por unha start-up chamada Thync, consiste nunha serie de eléctrodos conectados a un teléfono. Ten un efecto estimulante de curta duración que é comparable a beberse unha lata de Red Bull.

O cofundador da empresa, Jamie Tyler, que é profesor na Universidade do Estado de Arizona (EEUU) afirma que o dispositivo tamén se pode usar para producir un efecto calmante máis potente que beberse un par de cervexas ou tomarse un antihistamínico.

"Cando o probei sentinme relaxado, pero tamén coa mente despexada, máis coma se meditase ou recibise unha boa masaxe que se tomase un par de cervexas." O efecto tarda uns minutos en notarse pero despois durou uns 45 minutos, aínda que din que varía dunha persoa a outra.

Hai pouco Thync anunciou que reunira 13 millóns de dólares en financiamento de capital risco (uns 10 millóns de euros) de investidores como Khosla Ventures para sacar os seus primeiros produtos ao mercado.

O profesor de enxeñaría biomédica do City College de Nova York (EEUU) Marom Bikson usou hai pouco un prototipo do dispositivo de Thync nun estudo con 100 persoas (financiado pola empresa) que se centraba nos seus efectos calmantes. Bikson explica que o estudo demostrou "cun alto nivel de confianza" que o dispositivo produce un efecto, aínda que os resultados varían dunha persoa a outra. "Para algúns, non todos, o efecto é moi profundo", explica. "Aos poucos minutos senten significativamente distintos cun efecto que é tan potente como calquera cousa que puidese imaxinar que non sexa un narcótico".

O dispositivo usa unha forma de corrente transcraneal de estimulación directa (TDCS polas súas siglas en inglés), algo que leva probando desde hai anos pero que aínda non recibiu a aprobación da Axencia Estadounidense do Medicamento para tratar unha enfermidade concreta.

No caso do dispositivo de Thync, aplícase unha corrente eléctrica apenas perceptible sobre a pel xusto detrás da orella para conseguir o efecto Red Bull, ou sobre a tempa e a caluga para o efecto relaxante.

A maioría da investigación en TDCS céntrase en tentar usar correntes eléctricas para afectar directamente a parte externa do cerebro. Thync achou que no canto diso podía lograr fortes efectos indo a por nervios e músculos concretos baixo a pel.

A ambición de Tyler vai máis aló de vender un substituto electrónico do café. Noutro traballo está a desenvolver unha tecnoloxía que usa ultrasóns para afecta-lo cerebro directamente sen necesidade de cirurxía ou de medicamentos. "É unha nova fronteira, cun potencial que aínda non se explorou", afirma.

O traballo cos ultrasóns podería dar lugar a tratamentos para enfermidades psiquiátricas e ofrecer nova información sobre como funciona o cerebro, afirma o profesor de psiquiatría e ciencias do comportamento da Universidade de Stanford (EEUU) Amit Etkin. El vai empezar unha asociación con Tyler para investigar como esta tecnoloxía podería trata-la depresión, a desorde de tensión postraumática e os tremores asociados coa enfermidade de Parkinson.

Etkin sostén que os ultrasóns teñen dúas vantaxes principais fronte a outras técnicas: poden afectar a áreas profundas do cerebro, como a amígdala, que se asocia coas emocións e a motivación, e son máis precisos, concentrándose en áreas que teñen unha superficie de milíimetros e non centímetros.

Pero a tecnoloxía de ultrasóns está nas súas primeiras fases, e será difícil centrarse en partes específicas do cerebro fiablemente, explica. "Fará falta facer moita máis investigación antes de que podamos entendelo de verdade".
 

Tema: Xeral
Fonte: MIT TechnologyReview
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal