Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Nenos nunha aula

Un software permite diagnosticar discalculia

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/11/14 (10:09)

Informáticos da Universidade de Salamanca desenvolveron un software que permite diagnosticar e avalia-la discalculia, un trastorno na aprendizaxe das matemáticas que se caracteriza pola dificultade para realizar cálculos numéricos. Aínda que pode afectar a persoas de calquera idade, pódese empezar a diagnosticar entre os 5 e os 8 anos, de maneira que esta nova ferramenta está orientada ao ámbito escolar.

"É un problema que supón un desfasamento na aprendizaxe das matemáticas, pero non hai probas diagnósticas específicas", sinala Patricia Serrano San Julián, autora deste proxecto que se desenvolveu no marco do Programa de Prototipos Orientados ao Mercado da Fundación Xeral da Universidade de Salamanca, dentro do Proxecto T-CUE da Xunta de Castela e León.

Aínda que se trata dun trastorno pouco coñecido, os especialistas cren que pode afectar a entre un 3 e un 6 por cento da poboación. De feito, cando se observan dificultades básicas relacionadas coa aprendizaxe matemática, a miúdo non se sabe se pode ser discalculia ou outro problema.

Por todo iso, o programa De3math pretende converterse na ferramenta adecuada para o diagnóstico a través dun conxunto de probas para avalia-las habilidades relacionadas coa discalculia de acordo coas últimas liñas de investigación neste terreo, que indican que a orixe deste problema pode estar na representación mental do número, segundo a información recollida por DiCYT.

A iniciativa involucrou a expertos no campo da informática e da psicoloxía: Sara Rodríguez e Juan Manuel Corchado, do grupo de investigación BISITE, e José Orrantía, do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación.

En poucos minutos
Entre todos deseñaron unha avaliación sinxela que pretende durar entre 10 e 15 minutos e consta de 6 probas. Os resultados finais sinalarán se os valores son aceptables ou non. Entre os aspectos que se miden está, por exemplo, o tempo de resposta, que é un factor crítico. Tanto a resposta como o tempo empregado en achala son analizados automaticamente.

Outras cuestións importantes para o diagnóstico son a análise de habilidades como a percepción da numerosidade en canto a magnitude ou as comparacións, tanto simbólicas como non simbólicas. O reto para lograr unha boa ferramenta era conseguir un programa que se adaptase aos nenos, fácil de usar, autoaplicable e multiplataforma.

O produto final deste proxecto permite interpretar correctamente o resultado desas probas, segundo os seus creadores, e presenta moitas vantaxes fronte a outras posibilidades, como os psicólogos, as probas tradicionais en papel ou as ferramentas informáticas que existen noutros países, xa que en España non existe ningún software deste tipo. Por iso, é probable que De3math sexa unha ferramenta moi útil para os centros educativos.

Tema: Xeral
Fonte: DiCYT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal