Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Incubadora de bebés MOM

Esta incubadora inflable axudará aos recentemente nacidos en países subdesenvolvidos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/11/14 (09:49)

MOM é unha incubadora para bebés inflable de baixo custo e gañou o concurso James Dyson Award 2014. Trátase dun concurso internacional de deseño organizado anualmente pola Fundación James Dyson cuxo obxectivo é apoiar aos novos estudantes de deseño e enxeñaría industrial e de produto a que desenvolvan as súas ideas.

Esta incubadora que nun principio fora creada para o seu uso en países subdesenvolvidos, costa até un 90 por cento menos que as incubadoras convencionais. MOM funciona igual que unha incubadora convencional pero o seu custo é moi inferior; costa só 300 euros, fronte aos 36.000 euros que pode custar unha incubadora convencional.

James Roberts deuse conta de que un de cada dez bebés no mundo nace de forma prematura. Segundo datos recollidos pola Organización Mundial da Saúde, o 75 por cento das mortes derivadas por un nacemento prematuro poderían ser evitadas se os tratamentos fosen máis alcanzables.

Ante esta situación este novo estudante da Universidade Loughborough (Reino Unido) decidiu crear unha incubadora que se pode plegar para facilitar o seu transporte e que funciona cunha batería que pode durar até 24 horas en caso de fallo na subministración eléctrica.

Este dispositivo ínchase manualmente e quéntase por medio de placas cerámicas. Unha pantalla mostra a temperatura interior e o grao de humidade; ambas poden seleccionarse, de forma que se hai unha variación, soará unha alarma.  Ademais, para aqueles bebés que sofren de ictericia ou a famosa coloración amarelada da pel, conta cunha unidade plegable de fototerapia.

O inventor de MOM decidiu inventar esta incubadora de baixo custo despois de ver un documental sobre os bebés prematuros nos campos de refuxiados. Segundo sinalou, non foi un proceso fácil xa que tivo que vende-lo seu coche para facer o primeiro prototipo. "O meu soño sería coñecer a un dos bebés aos que puidese salvar a miña incubadora", engadiu.

Este concurso internacional  que outorga un premio de 48.000 euros (36.000 euros para o alumno e 12.000 euros para a súa universidade) premiou esta incubadora. Segundo o propio James Dyson, fundador da compañía Dyson e da Fundación James Dyson: "o invento de James demostra o impacto que pode ter a enxeñaría e o deseño nas vidas da xente".

Ademais considera que grazas á súa brillante idea, James conseguiu crear unha incubadora totalmente diferente que pode salvar centos de vidas. Con todo para o doutor Steve Jones, asesor pediátrico e neonatólogo no Hospital Royal United de Bath (Reino Unido), "MOM é unha innovación moi interesante".

En concreto gústalle o feito de que James integrase a fototerapia, xa que a ictericia é moi común nos nenos prematuros.  Tamén cre que non só se debería utilizar en países subdesenvolvidos senón tamén en hospitais comunitarios e no seguimento doméstico de bebés prematuros.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal