Moito se está escoitando ultimamente sobre Homelessfonts, unha iniciativa da Fundación Arrels en colaboración coa axencia de publicidade The Cyranos McCann, onde se une a solidariedade co deseño. Hoxe queremos traela a InnovaSocial, xa que nos pareceu interesante como proxecto innovador, creativo e sobre todo, moi solidario.
Homelessfonts.org é unha páxina web que permite comprar tipografías únicas, realizadas por persoas sen fogar. Unha iniciativa que pretende dignificar a vida das persoas sen teito e sensibilizar sobre esta problemática que cada vez afecta a máis persoas.
Cada cartel de cartón ou papel que nos atopamos na rúa, cada letra que define unha frase chea de sentido para esa persoa que o suxeita, cada palabra, cada mensaxe... relata a vida dunha persoa que hoxe, polas circunstancias que sexan, está sentenciada a vivir na rúa. De aí xorde esta idea marabillosa. Partindo do único e exclusivo como é a tipografía de cada persoa, a Fundación Arrels puxo en marcha a venda destas letras para que tanto persoas como marcas poidan comunicarse a través delas. Tódolos beneficios obtidos irán destinados a axudar ás 1.400 persoas que atende a Fundación nas rúas de Barcelona.
"É unha maneira creativa de pór sobre a mesa e de transformar a visión que se ten sobre a problemática das persoas sen fogar", explica o director de Arrels, Ferran Busquets.
Para facer realidade o proxecto, realizáronse varios talleres nos que as persoas participantes plasmaron a súa letra que, despois, se dixitalizou co apoio de deseñadores e expertos. Coñece o proxecto a través deste vídeo, non te deixará indiferente!
Rexístrate como: