Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo TratoJusto

Non me contes canto corres, senón o moito que axudas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/10/14 (10:49)

Pensou algunha vez en contribuír con algunha boa causa pero non sabe como? Non o fai porque non ten tempo suficiente para facelo? Esas premisas xa son historia grazas ao crecemento das novas tecnoloxías que nos permiten involucrarnos en proxectos solidarios de diversas maneiras en apenas cinco minutos. Xa sexa realizando doazóns, apoiando campañas ou efectuando compras solidarias, pódese contribuír con todas elas movendo un único dedo na pantalla do smartphone ou a tableta de quenda. Suxerímoslle algunhas aplicacións móbiles para empezar a cambiar (un pouco) o mundo.

Lazo múltiple
A Asociación Española de Loita contra a Esclerose Múltiple (AELEM) impulsou esta aplicación coa idea de difundi-los problemas desta enfermidade non tan coñecida e sen cura. O programa, sen custo, permite tomar ou seleccionar unha fotografía desde o smartphone para engadirlle un lazo vermello e negro da maneira orixinal que o propio usuario desexe, para logo compartilo nas redes sociais. Ese lazo personalizado simboliza as formas diferentes en que a esclerose múltiple afecta a cada enfermo, capaz de dexenera-las súas conexións neuronais, polo que se pretende concienciar á xente a través dun acto divertido. Só dispoñible en Android.

TratoJusto
Ten que montar un armario pero non sabe como nin coñece a ninguén que poida axudarlle. E se puidese recibir axuda a través do seu móbil? Ao entrar nesta app, gratuíta, o usuario pode escribir unha solicitude na que describe o tipo de axuda que precisa e mesmo o diñeiro se se está disposto a pagar a cambio. A través da xeolocalización, os usuarios próximos recibirán o aviso e poden, se están interesados, enviar unha mensaxe por chat para axudarlle. De entre as propostas recibidas, o usuario escollerá unha na que acordarán día e lugar para concreta-la axuda. Unha boa forma de converter a todo o mundo no teu mellor veciño.

Ufeed
A ONG española Yooou é a creadora desta aplicación gratuíta que pretende axudar a paliar a fame por medio da colaboración da cidadanía, á que apela a renunciar a un capricho cuxo importe será doado a unha ONG que loite contra a desnutrición. O funcionamento é o seguinte: selecciónase a icona do alimento ou bebida ao que se vai a renunciar (exemplo: un xeado); escóllese nun mapa a ONG que recibirá a doazón, así como a rexión do mundo ou causas que se decida apoiar (poderase facer posteriormente un seguimento); introdúcese o importe do renunciado (é vostede quen o doa); e compártese nas redes sociais. Moito máis gratificante que compartir os quilómetros que correrá esta tarde.

Weelp
Trátase dunha aplicación, nacida das cabezas de dous mozos valencianos en 2012, que conseguiu converterse no primeiro buscador solidario do mundo en español. A diferenza con respecto a outros máis famosos reside en que, grazas á publicidade dos anunciantes, o diñeiro recadado por cada clic vai destinado a unha das 12 causas que oferta o programa e polas que o usuario pode decantarse, tales como a erradicación da fame e a pobreza, o medioambiente e a sustentabilidade, ou a inserción laboral e xeración de emprego. Utiliza a tecnoloxía de Google e Yahoo!, con todas as súas funcións (noticias, mapas, imaxes, etc.), polo que a calidade non se resente. E é gratuíto.

Lazo solidario
Aplicación xa veterana da Asociación Española contra o Cancro (AECC), que tamén recorre ao lazo como unha forma de atraer a atención, aínda que nesta ocasión faino para combater o cancro de mama. Unha vez descargada gratuitamente no dispositivo Android (non está dispoñible en Apple Store), pódese dedicar un lazo á persoa que un queira por medio dun correo electrónico personalizado. Ademais, por cada clic que se faga na publicidade que aparece na app, recibirase unha achega (por parte do anunciante) cuxos fondos recadados van destinados á axuda contra o cancro.

Regala un día
Baixo o respaldo de UNICEF, este programa loita contra a desnutrición infantil por medio dunha historia animada chea de contrastes entre David, un neno solidario, e Kolobo, unha moza dunha remota aldea á que aburan as dificultades. Narrada pola estrela española de baloncesto Pau Gasol, ofrece multitude de sorpresas interactivas, así como un deseño ideal para que a manexen os nenos. A súa compra (1,79 €) supón unha doazón para os pequenos que viven en zonas azoutadas pola malnutrición. Os 1.000 días que transcorren desde o embarazo até os dous anos de vida son cruciais para a supervivencia dos nenos.

My life as a refugee (A miña vida como un refuxiado)
Sabe o que sente un inmigrante cada vez que se ve forzado a fuxir do seu país por diversas razóns? Iso é xusto o que pretende esta aplicación gratuíta: concienciar. Lanzada polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), por medio dun xogo interactivo métenos na pel dun refuxiado obrigado a abandonar o seu fogar que deberá enfrontarse a unha serie de decisións transcendentais para a súa propia supervivencia (e a dos seus seres queridos) cun tempo limitado. Moi didáctica e realista. O único inconveniente: está en inglés.

Agora tócache a ti
Ao fío da anterior app, esta iniciativa, da ONG Colabora Birmania, consiste en pór en marcha unha serie de proxectos solidarios na cidade tailandesa de Mae Sot, limítrofe con Birmania, na que vive unha ampla maioría de refuxiados birmanos que fuxiron do país, entre eles centos de nenos. A aplicación, gratuíta, ten o seu aquel debido a que se deseñou coa imaxinación de todos eles, a pesar de non ter nunca antes contacto coa tecnoloxía. Pódese colaborar de maneira directa cunha doazón ao proxecto que cada un desexe.

Tema: Xeral
Fonte: El País
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal