As últimas novidades tecnolóxicas non son só para os máis novos. Dentro dunha década ou dúas, os xubilados que vivan de forma autónoma nas súas casas poderían ser os primeiros en usar unha nova e importante tecnoloxía: o robot de asistencia doméstica.
Os robots están a converterse en aparellos máis seguros, intelixentes e capaces, e as empresas de robótica teñen a vista posta no coidado dos anciáns como un enorme mercado potencial. Unha poboación que envellece tamén podería necesitar de outras novas formas de tecnoloxía de axuda na casa.
"Que Deus nos axude se non o resolvemos", afirmou o director executivo de iRobot, Colin Angle, cuxa empresa fabrica o popular Roomba, durante RoboBusiness, un congreso de robótica celebrado en Boston (EEUU) este mes. "Por que ao longo dos próximos 20 anos o número de persoas maiores de 65 respecto ao de menores de 65 vai cambiar drasticamente".
Cálculos de Nacións Unidas suxiren que a poboación mundial maior de 65 aumentará un 181% entre 2010 e 2050, comparado cun aumento do 33% entre as idades de 15 e 65. Este cambio fará que existan moitos incentivos para automatizar polo menos parte do traballo de asistencia.
Xa hai robots botando unha man mecánica. Dentro dun proxecto de investigación financiado pola UE, equipáronse as casas de cidadáns maiores de Italia, España e Suecia con sensores para facer un seguimento da súa actividade e a súa saúde. Os robots de telepresencia móbil, un sistema de videoconferencia con rodas que se pode manexar a distancia e que permite aos seus familiares e médicos contactar con eles. Hai residencias de anciáns en Xapón, Europa e Estados Unidos que dan aos residentes solitarios unha foca robótica chamada Paro como compañía. Responde as caricias con ruidiños e ronroneos e chora se se deixa caer ou se ignora.
Segundo se van sofisticando este tipo de máquinas, os asistentes robóticos poderían axudar á xente coas tarefas domésticas cotiás e á hora de vestirse e bañarse. Co tempo, os robots poderían interactuar moito máis intelixentemente como forma de entretemento ou compañía.
iRobot aínda non fabrica nada así de sofisticado, pero Angle afirma que a empresa está preparada para desenvolver tecnoloxía deste tipo porque leva moito tempo pensando como facer que os robots funcionen nos fogares. A empresa fabrica varios dispositivos de telepresencia, robots para o exército e toda unha gama de autómatas limpadores, entre eles o Roomba.
"O Roomba é o robot de asistencia aos anciáns de maior éxito creado até a data", afirmou Angle. "Axuda á xente que non é capaz de manexar un aspirador a ter unha sensación de control sobre a contorna no que viven".
E os robots están a entrar na xeriatría por distintas portas. Empeza a haber sistemas de axuda robóticos que se colocan sobre brazos e pernas e permiten seguir sendo independentes a persoas que teñen dificultades para camiñar ou recoller obxectos. Investigadores daneses adaptaron un brazo robótico para uso industrial fabricado por Universal Robots para ver se se pode usar para axudar á xente a ducharse.
Xa hai produtos robóticos recentes que poden botar unha man con tarefas sinxelas. Por exemplo, Yujin Robot, unha empresa coreana, ten un sistema low-cost capaz de desprazarse por un hospital ou unha residencia e entregar as comidas. Outras empresas presentes en RoboBusiness fixeron demostracións de manipuladores robóticos sofisticados e baratos. Aínda que estas mans robóticas están a desenvolverse principalmente como forma de automatizar labores industriais, tamén poderían dedicarse a dobrar a coada, recolle-los pratos ou axustar o nó dunha gravata.
Que haxa máquinas facendo eses labores -e non só para os máis anciáns- "está máis preto do que a xente imaxina", afirma o director de robótica da empresa de investigación SRI, Rich Mahoney. "Hai moitísimas oportunidades: robots que lavan os pratos e limpan e todo o que a xente quere respecto de dobrar roupa e limpar os baños", afirma.
Aínda así, queda moito camiño por percorrer para que os robots sexan fáciles de usar, sobre todo no caso dun conxunto de usuarios que non son especialmente adeptos coa tecnoloxía. Angle sinalou á última versión dun dos robots militares fabricados por iRobot, basicamente unha gran garra metálica sobre rodas: "Sentiríaste cómodo deixando que este robot vestise á túa nai?" , preguntou. "Probablemente non".
Rexístrate como: