O evento National Design Awards , que recoñece os deseños máis innovadores do territorio americano e que son capaces de mellorar a vida cotiá, concedeu o ano pasado o maior premio a unha compañía que deseñou unha mochila pensada para ofrecer unha alternativa máis limpa aos bidóns e cubos utilizados polas persoas dos países en desenvolvemento para transportar a auga desde a fonte até o fogar. Este ano, en cambio, os americanos preferiron apostar pola tecnoloxía wearable. Os seus votos foron destinados a apoiar un dispositivo de seguimento da actividade física chamado Spire e que, ao final, converteuse no gañador do premio People's Design Award concedido durante o evento mencionado nunha festividade que tivo lugar este mes en Nova York.
A principal característica do dispositivo é que foi creado especialmente para axudar ás persoas a reducir o nivel de tensión. Deseñado en colaboración co Calming Technology Lab da Universidade de Stanford, Spire é un wearable que se leva na cadeira ou no torso e detecta o movemento físico, a posición e os patróns de respiración a través dun grupo de sensores que proporciona información en tempo real.
Observouse que a respiración é unha función fisiológica que indica cada cambio producido a nivel do sistema nervioso, por tanto pode reflectir certos patróns asociados con distintos estados emocionais. As investigacións científicas neste campo serviron de inspiración no deseño dos algoritmos do dispositivo, desta forma cada vez que as respiracións indican que o usuario está tenso, Spire enviaralle unha notificación con consellos sobre como relaxarse.
Os usuarios dispoñen tamén dunha aplicación móbil mediante cal establecen as súas metas persoais e reciben os datos da súa actividade. Ao final toda a información serviralles para coñecer o estado de ánimo e que poden facer para aumentar a súa actividade, o nivel de equilibrio psicolóxico e o enfoque.
Desde logo o deseño do dispositivo foi un dos atributos que máis atraeu os votos do público, pero a competición foi dominada tamén por outros proxectos innovadores. Entre eles unha luva háptica que usa uns motores pequenos de vibración para ensinar ás persoas como ler Braille, unha interfaz que cambia a súa forma e permite aos usuarios interactuar co contido dixital, un dispositivo médico en forma de cubo que permite realizar varias probas na casa ofrecendo resultados inmediatos e outros máis que se poden contemplar desde a páxina oficial do Smithsonian Design Museum.
Rexístrate como: