Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Galicia TIC 2014

Mar Pereira destaca que Galicia conta cos medios e recursos necesarios para facer do sector tecnolóxico o motor de especialización da economía

  • Un sector TIC capaz, capital humano e investigador e unha Administración comprometida son as bazas galegas para acadar este obxectivo
  • A Xunta puxo en marcha en abril o Programa Transformatic que aglutina os instrumentos e medios cos que conta a Administración autonómica e os axentes do sector TIC para impulsar o crecemento do sector en Galicia
  • A directora da Axencia sinala que esta iniciativa reflicte o compromiso da Xunta, as Universidades e o Clúster TIC para converter á Comunidade en polo tecnolóxico de referencia
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 15/10/14 (08:19)

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou onte o compromiso da Xunta, as Universidades, os centros tecnolóxicos e o Clúster TIC para situar a Galicia como rexión de referencia no ámbito tecnolóxico. Un compromiso que se reflicte, sinalou, na participación destes axentes no Programa Transformatic da Xunta. Esta iniciativa, que arrancou o pasado mes de abril, ten como obxectivo aliñar os esforzos públicos e privados para fomentar o emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.

Durante a inauguración da XII edición das Xornadas GaliciaTIC, a directora da Amtega afirmou que un dos obxectivos da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 é facer do sector tecnolóxico o motor de especialización da economía galega, e que a Comunidade conte cos medios e recursos necesarios para conseguilo.

Neste sentido, Mar Pereira lembrou a capacidade do sector TIC galego, que continúa a manter o emprego por riba dos 15.000 traballadores desde 2010 cun volume de negocio de 2.290 millóns de euros en 2013. Os últimos datos do Osimga constatan o esforzo que está a realizar o sector no eido da innovación. En 2013 máis do 30% das empresas TIC galegas desenvolveu actividades de I+D+i, e destas, o 65,2% obtivo resultados comercializables. Ademais, o sector TIC galego incrementou no último ano en máis de 4 puntos a cooperación en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos a colaboración neste eido con compañías de Estados Unidos.

A directora da Amtega destacou tamén o capital humano do sector, con máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego, tres centros tecnolóxicos de prestixio e 37 grupos de investigación. A todo isto, engadiu, se suma o compromiso da Xunta, que desde 2009 apostou pola tecnoloxía como elemento estratéxico de crecemento poñendo en marcha a Axenda Dixital 2014.gal, cun investimento de preto de 1.100 millóns de euros.

Pereira avanzou que para dar continuidade aos logros tecnolóxicos acadados en Galicia, a Xunta está a elaborar a nova Axenda Dixital 2020 en torno a cinco eixos establecidos na Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aprobada a finais de 2013. Así as liñas estratéxicas da nova Axenda centraranse en acadar unha Administración dixital innovadora, incrementar a capacitación dixital das persoas, impulsar a economía dixital a través da implantación de infraestruturas e solucións tecnolóxicas nos diferentes sectores produtivos, consolidar o sector TIC como estratéxico e impulsar o despregamento de infraestruturas de telecomunicación modernas e sustentables.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal