Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
III Premios Discapnet

Fundación ONCE convoca a III Edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/10/14 (14:00)

Fundación ONCE convoca a III Edición dos Premios Discapnet ás Tecoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

O director de Accesibilidade de Fundación ONCE, Jesús Hernández, e o director de I+D+i de Talgo, Emilio García, cuxo proxecto foi galardoado na pasada edición dos Premios, foron os encargados de presentar este venres a nova convocatoria nun encontro informativo celebrado en Servimedia.

Durante o encontro, Jesús Hernández asegurou que a tecnoloxía é "potenciadora de capacidades" e insistiu na importancia de que esta sexa accesible para evitar que se abra unha "fenda tecnolóxica" entre as persoas con discapacidade. Neste sentido, o director de Accesibilidade Universal de Fundación ONCE recoñeceu que cada vez son máis as App accesibles, á vez que destacou o traballo que realiza a Fundación para formar a futuros profesionais que incorporen no seu día a día o Deseño para Todos.

Pola súa banda, Emilio García subliñou que a Accesibilidade Universal é unha das liñas estratéxicas de Talgo no desenvolvemento de proxectos de innovación. García apuntou que, na actualidade, "aínda que falta moito por facer", o maior reto da accesibilidade no transporte é a "concienciación" para que as persoas con discapacidade poidan desprazarse en igualdade de condicións que o resto de usuarios.

Os Premios Discapnet, que tamén distinguen ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade TIC, articúlanse en dúas categorías, nas que se concederá un premio para cada unha delas, ademais dun accésit.

Na categoría A concederase o premio á mellor iniciativa, proxecto, produto ou servizo baseado en tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

Para a concesión deste premio valorarase a accesibilidade das tecnoloxías e das solucións utilizadas; o carácter innovador e a calidade global dos resultados obtidos, e a aplicabilidade e as posibilidades de generalización.

Na categoría B o galardón recaerá sobre a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade TIC. Neste caso valorarase a extensión, continuidade e coherencia das actuacións realizadas; o carácter innovador e a calidade global dos resultados obtidos, e a contribución ao desenvolvemento técnico e metodolóxico da accesibilidade TIC.

O Accésit dos III Premios Discapnet será un único premio que se extraerá das candidaturas presentadas ás categorías A e B, dedicado nesta ocasión a premiar o esforzo por desenvolver tecnoloxía para persoas maiores dependentes.

Como novidade este ano, concederase tamén un Premio especial á compañía multinacional que integre a accesibilidade de forma transversal nos seus desenvolvementos tecnolóxicos. Para a elección do gañador, os membros de xurado elaborarán unha listaxe de empresas desenroladoras de hardware e software, cuxa actividade sexa destacada nesta materia, que se someterá a votación  popular mediante a páxina web oficial dos premios durante o mes de abril de 2015.

As bases completas poden consultarse en http://premios.discapnet.es. As candidaturas poderanse presentar desde hoxe mesmo e até o próximo 14 de decembro a través da páxina web cumprimentando un formulario electrónico . A entrega de premios está prevista para o mes de maio de 2015.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal