Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Monitor fetal

Un monitor fetal remoto pode reducir a mortalidade perinatal

  • O dispositivo permite que embarazadas de alto risco se monitoricen desde as súas casas, e envía unha ambulancia en caso de emerxencia
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 07/10/14 (09:13)

Os embarazos de alto risco requiren controis médicos máis frecuentes e son un problema para os hospitais con poucos recursos, que non poden ingresar ás nais por falta de camas. Cando a paciente chega ao centro médico pode atoparse con que o seu bebé faleceu ou sufriu danos irreversibles. Co obxectivo de reducir estes riscos, investigadores do Centro de Enxeñaría e Desenvolvemento Industrial (CIDESI, México), un dos 27 centros públicos de investigación do Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Conacyt), desenvolveron un programa de vixilancia materno-fetal que inclúe o deseño dun monitor fetal remoto e un software para o centro de monitorización obstétrico. Esta tecnoloxía permite que a propia paciente poida monitorizarse desde a súa casa, e envía atención médica inmediata se fose necesario.

O dispositivo electrónico ten o tamaño dun móbil e entrégase ás nais de baixos recursos cun embarazo de alto risco, que non poden permitirse un hospital privado. A paciente encárgase de monitorizar a frecuencia cardíaca do bebé e a actividade uterina, información que chega automaticamente a unha central de monitoreo. Se é necesario envíase unha ambulancia, xa que o aparello ten un GPS que sitúa á nai en todo momento. Deste xeito, o monitor fetal remoto non só evita falecementos, tamén problemas derivados dunha atención sanitaria tardía.

O director de Electrónica Aplicada de CIDESI, Sadot Arciniega, explica que a tecnoloxía se desenvolveu por petición do Hospital do Neno e da Muller de Santiago de Querétaro (México), onde "catro de cada dez mulleres" teñen este tipo de embarazos, unha proporción moi alta se se ten en conta que alí nacen uns 30 bebés cada día. O experto espera que a súa tecnoloxía logre reducir as mortes perinatais nun 50%.

O hospital mexicano comezou a facilitar o monitor a nais con baixos recursos e Arciniega asegura que a experiencia de todas co dispositivo tivo resultados satisfactorios. O investigador tamén aclara que non hai ningún motivo para que non poida utilizalo calquera paciente e que xa hai centros privados interesados na tecnoloxía. "A que señora non lle gustaría ser monitorizada desde a comodidade da súa casa?", pregúntase.

Arciniega destaca que a súa utilización "é moi fácil", e que o mesmo aparello lembra ás nais que non enviaron os datos no caso de que se esquezan de facer algún dos dous estudos diarios necesarios. Por iso, subliña que é un "sistema bidireccional", no que paciente e médico se mantéñen en contacto mutuo. Tamén inclúe un sistema de audio para que a nai escoite o latexado do bebé e así se manteña en contacto co seu fillo.

Ademais de mellorar a atención médica de nais e bebés, o monitor tamén supón vantaxes económicas. Arciniega afirma que a falta de atención a tempo dun bebé "cústalle ao hospital case 4.000 euros diarios", xa que o neno debe permanecer ingresado até 40 días. Por outra banda, o dispositivo entrégase durante as semanas nas que existe perigo, entre a 30 e a 33, polo que se evita ter ingresada á nai un par de semanas, o que tamén suporía un gasto importante.

Innovación 100% mexicana

"Non existe un produto similar no mercado", asegura Arciniega, quen aclara que 2non se trata só dun monitor a distancia, senón de todo o software e infraestrutura que o soporta". O investigador explica que o desenvolvemento levou a cabo exclusivamente en México para "evitar as dependencias tecnolóxicas do estranxeiro".

Agora o dispositivo transferirase a unha empresa que o comercializará a nivel nacional e mesmo en Sudamérica e o resto do mundo. Arciniega espera que se poida introducir en todos os hospitais de México a partir de outubro. Ademais, o monitor xerará unha base de datos que servirá para estudos futuros sobre a relación entre a falta de atención a tempo e o desenvolvemento de problemas a posteriori.

Tema: Xeral
Fonte: MIT TechnologyReview
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal