Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel IV Foro EAPN Galicia 2014

Xa está en marcha o IV Foro sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/10/14 (10:34)

A Rede Galega de Loita contra a Pobreza – EAPN Galicia xunto ao CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD organiza para os días 9 e 10 de outubro a cuarta edición do Foro de Capacitación sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado. A cita, baixo o lema “¿Democracia con Transparencia ou Desigualdade e Corrupción?” levarase a cabo na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e quere contribuír a analizar e dar visibilidade ás situacións de desigualdade que se viven hoxe na nosa comunidade.

O Foro contará con relatorios, conferencias e mesas redondas co obxectivo de fomentar o debate sobre a inclusión social de colectivos vulnerables. Non se trata dun evento pechado ás entidades integrantes de EAPN Galicia, senón que pretende fomentar o traballo colectivo e en rede entre diversas agrupacións, institucións, organizacións sociais, universidades, colexios profesionais e administracións.

O evento divídese en varias áreas: a primeira analizará a importancia da transparencia e a participación das persoas máis vulnerables nas políticas que lles afectan; a segunda avaliará a implantación da Estratexia Europa 2020 e a da transparencia e o participación das organizacións de acción social na xestión dos Fondos Estruturais 2014-2020 que Galicia recibe da Unión Europea. Ademais, falarase de estratexias para lograr efectividade na implantación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA); e de como mellorar a comunicación dos problemas de inclusión e empoderamento das persoas.

“Agora” para coñecer proxectos innovadores

No marco deste Foro, EAPN Galicia organiza un espazo no que se darán a coñecer iniciativas innovadoras dentro do ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión dende as ONG que forman o chamado Terceiro Sector, denominado Agora. Nela participarán organizacións sen ánimo de lucro ou empresas de economía social involucradas na loita contra a pobreza, que disporán dunha sala na que expoñer en 15 minutos os seus proxectos, ante un auditorio reducido de persoas interesadas.

A inscrición no Foro está aberta e custa 15€ (5€ para estudantes e persoas desempregadas), e é gratis para voluntarios ou profesionais das entidades membro de EAPN Galicia, CERMI ou Coordinadora ONGD.

Tema: Xeral
Fonte: eapn Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal