Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Ril 3D

EmTech EEUU 2014: A impresión de vasos sanguíneos permitirá construír riles

  • Un grande avance na impresión de vasos sanguíneos está a permitir un novo enfoque dentro da impresión de órganos 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 26/09/14 (12:13)

A principios deste ano un grupo da Universidade de Harvard (EUA) resolveu un dos retos máis difíciles relacionados co cultivo de órganos humanos artificiais. O equipo utilizou unha impresora 3D para crear tecido humano con vasos sanguíneos rudimentarios. Animados polo seu éxito, os investigadores comezaron un ambicioso proxecto para crear riles imprimidos e con plena capacidade de funcionamento.

Na súa intervención esta semana durante a conferencia EmTech EUA do MIT Technology Review, Jennifer Lewis, profesora de enxeñaría inspirada na biolóxica en Harvard, asegurou que a meta final, crear órganos humanos funcionais, é "realmente todo un moon shot" (termo inspirado na carreira espacial americana e usado para definir un obxectivo de gran dificultade técnica realizado en pouco tempo). Non obstante, engadiu que o seu grupo logrou avances significativos mediante a fabricación de versións rudimentarias dunhas estruturas dos riles chamadas nefronas. Estas nefronas artificiais permitirán que as compañías farmacéuticas poidan poñer a proba rapidamente medicamentos potenciais, e deberían axudar aos científicos a entender os riles a un nivel máis detallado.

Para producir tecidos con vasos sanguíneos, o grupo de Lewis inventou unhas novidosas tintas e boquillas de impresión 3D que permiten imprimir con precisión múltiples materiais. Por exemplo, pódense imprimir varios tipos de células e materiais que axuden a conectar as células. Unha destas tintas permitiu ao grupo facer túneles dentro dos tecidos, que os investigadores forraron con células de vasos sanguíneos. Lewis sinalou que o seu grupo está a utilizar o mesmo método para crear tubos que axuden a filtrar o sangue dentro dos riles. 

O investigador conta que o grupo optou por centrarse nos riles xa que representan o 80% da necesidade de transplantes de órganos, e porque un gran número de pacientes morre antes de poder chegar a recibir un ril de substitución.

Hai outros grupos de investigación que levan imprimindo láminas delgadas de células, que medran ata formar tecidos funcionais, durante varios anos. Non obstante, estas iniciativas limitáronse a crear láminas delgadas, e ao superar aproximadamente o medio milímetro de grosor os nutrientes non logran chegar ás células máis internas, mentres que os residuos non poden ser evacuados. Para facelas máis grosas, e para producir en última instancia órganos completos, os investigadores necesitan deseñar unha rede de vasos sanguíneos.

Hai que seguir traballando moito máis, sinalou Lewis, integrando diferentes tipos de células para crear nefronas funcionais. Crear órganos completos tamén requirirá lograr formas e estruturas máis complexas. Por exemplo, nos riles é necesario facer que os vasos sanguíneos se ramifiquen noutros vasos, incluíndo pequenos capilares tan finos que probablemente estean máis alá de calquera técnica de impresión existente. 

Tema: Xeral
Fonte: MIT TechnologyReview
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal