Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
faite dixit@l

Faite dixit@l!’ inicia hoxe a súa andaina con dúas actividades de capacitación en 18 aulas da rede CeMIT

  • Participan en ‘Faite Dixit@l!’ 41 das aulas coas que conta a rede CeMIT na Comunidade autónoma
  • Inclúe preto de 140 actividades programadas, con máis de 1.880 prazas
  • Contempla, ademais, seminarios con expertos e xornadas para casos de éxito que complementan os contidos das actividades principais
  • Está prevista a realización de actividades presenciais onde non hai aula Cemit coa colaboración de colectivos tractores no territorio
     

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/09/14 (08:02)

‘Programación para dispositivos móbiles’, cunha duración de 30 horas en horario de mañá, e ‘Innovación Social’, polas tardes e durante 25 horas, son as dúas actividades coas que arrinca hoxe, luns 22 de setembro, a iniciativa ‘Faite Dixit@l!’. Este itinerario de capacitación tecnolóxica, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Academia Postal e Fundetec, ofrece aos participantes ferramentas para favorecer a súa empregabilidade, potenciar o emprendemento en materia tecnolóxica e a adquisición de novas competencias dixitais.

Nestas dúas primeiras actividades inscribíronse 18 aulas da rede CeMIT, que ofertaron 125 prazas para a súa realización. As actividades serán seguidas polos usuarios a través de multivideoconferencia.

Nas dúas primeiras actuacións de ‘Faite Dixit@l!’, os usuarios inscritos poderán coñecer aspectos básicos e avanzados da programación e uso de dispositivos móbiles -smartphones, tabletas,…- na actividade de mañá, e os fundamentos para o deseño e execución de programas de innovación social no caso da de tarde. O bloque sobre Innovación Social é una das principais novidades do proxecto ‘Faite Dixit@l!’, co que se bisca facilitar a dinamización da actividade profesional dos axentes TIC e os colaboradores da rede CeMIT con formación adaptada ás súas necesidades.

Actividades ata decembro
O proxecto ‘Faite Dixit@l!’ contempla un calendario de actividades ata o mes de decembro, que abrangue bloques temáticos sobre ferramentas web 2.0, estratexias de márketing online e comercio electrónico, uso da identidade dixital e servizos electrónicos das administracións públicas. Ademais, está prevista a realización de dous seminarios de expertos, e dúas xornadas de exposición de casos de éxito e boas prácticas.

Para falar de Innovación Social coas TIC como base deseñouse un ‘PechaKucha’, un modelo de exposición con presentacións creativas de curta duración que propicien o diálogo e o intercambio de ideas. O seu desenvolvemento está previsto para mediados do próximo mes de outubro.

Inscrición gratuíta
A participación é gratuíta, e a inscrición pode realizarse en calquera das aulas da rede CeMIT, onde tamén é posible solicitar máis información. ‘Faite Dixit@l!’ conta ademais con dúas canles en redes sociais para poder seguir o seu desenvolvemento: www.facebook.com/faitedixital e www.twitter.com/faitedixital (@faitedixital) Para estender as actividades de ‘Faite Dixit@l!’ alí onde non chega a rede CeMIT están a pecharse acordos de colaboración con entidades e colectivos tractores que permitirán o seu desenvolvemento de maneira presencial.

As seguintes actividades de ‘Faite Dixit@l!’ programadas serán a segunda quenda do módulo de capacitación sobre ‘Innovación Social’, con inicio previsto o día 1 de outubro, e a de ‘Configuración de dispositivos móbiles’, que dará comezo o 6 de outubro. Este día, ademais, iníciase o prazo para a presentación de traballos ao “Concurso ‘Faite Dixit@l!’ de aplicacións para dispositivos móbiles’”, que contempla un premio tecnolóxico para o gañador.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal