Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Exoesqueleto de Harvard

Uns pantalóns motorizados axudarán ao exército a transportar cargas pesadas

  • O exoesqueleto é brando e lixeiro, e aplica forza asistida sen interferir co paso normal da persoa
  • Permitiría axudar as vítimas de accidentes cerebrovasculares a camiñar de forma máis estable 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/09/14 (10:07)

Un exoesqueleto brando que está a ser desenvolvido por investigadores de Harvard (EUA) podería permitir que os soldados trasportasen mochilas pesadas durante longas distancias, ou axudar ás vítimas de accidentes cerebrovasculares a camiñar de forma máis estable. O dispositivo, que axuda a impulsar as pernas do usuario cara a adiante, é extremadamente lixeiro e eficiente, e os investigadores que o deseñaron acaban de recibir unha subvención de 2,9 millóns de dólares (2,24 millóns de euros) da DARPA para crear a próxima versión.

Os exoesqueletos aumentan a potencia das extremidades humanas, permitindo ao usuario levar obxectos pesados ou camiñar durante máis tempo. Desenvolvéronse varios prototipos realmente impresionantes, pero a maior dificultade foi a cantidade de enerxía que usan os dispositivos.

O prototipo de Harvard é moito máis elegante que a maioría dos exoesqueletos. Parécese a un arnés de seguridade para escalada, e está feito de malla de nailon e spandex combinada con cables colocados ao longo das pernas do usuario. 

A diferenza doutros exoesqueletos, non pode axudar a camiñar ás persoas paralizadas. Pero as persoas con debilidade muscular, como por exemplo as que sufriron accidentes cerebrovasculares, poderían utilizalo para andar con maior facilidade, e podería axudar ás persoas sas a levar grandes cargas a máis distancia.

Os exoesqueletos ríxidos a miúdo utilizan sistemas hidráulicos e motores para soportar o peso dunha persoa e facilitar o levantamento de cargas. Os deseños máis pasivos transfiren o peso da carga ata o chan, pero isto pode facer que camiñar sexa pouco natural.

O exoesqueleto de Harvard resulta moi eficiente xa que ao aplicar a forza fai que estea moi aliñada cos movementos naturais dos músculos e tendóns. Varios sensores controlan o movemento do usuario, e uns motores alimentados con baterías moven cables para levantar o talón, ou parte da perna preto da cadeira, proporcionando propulsión xusto no momento en que o usuario dá un paso adiante. "É moi lixeiro, flexible e adáptase ben", afirma o profesor de enxeñaría mecánica e biomédica da Universidade de Harvard, Conor Walsh. "Non interrompe o paso nin o movemento normal".

A máquina está deseñada para que caiba doadamente debaixo da roupa, e inclúe uns novidosos sensores brandos de goma de silicona. Estes sensores, desenvolvidos noutro laboratorio de Harvard, teñen canles integradas cheas dun líquido condutor que cambia a súa resistencia a medida que a silicona se estira.

Para facer que o dispositivo sexa aínda máis eficiente, Walsh está a estudar a biomecánica humana e pon a proba o consumo de enerxía das persoas mentres o utilizan.

Tamén espera que se produzan avances nas baterías para axudar a alixeirar a carga aínda máis. Unha persoa pode camiñar 3,5 millas (5,6 quilómetros) utilizando a enerxía que proporciona unha soa batería de tipo cookie, pero unha bicicleta eléctrica necesita unha de peso 10 veces maior para percorrer a mesma distancia. "O almacenamento de enerxía segue sendo un reto", asegura. 

 

Tema: Xeral
Fonte: MIT TechnologyReview
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal